![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/2/2d/Sora_%2528Porzana_carolina%2529.jpg/640px-Sora_%2528Porzana_carolina%2529.jpg&w=640&q=50)
Galiñola da Carolina
pequena ave acuática / From Wikipedia, the free encyclopedia
A galiñola da Carolina[2] ou poliña americana[3] (Porzana carolina) é unha pequena ave acuática gruiforme da familia dos rálidos. Vive en América do Norte. En Galicia pode aparecer como ave accidental.[2] O nome do xénero, Porzana, deriva do termo sporzana da lingua veneciana que designaba este tipo de aves, e carolina refírese á colonia de Carolina dos tempos da colonización inglesa de Norteamérica.[4]
Galiñola da Carolina | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() | |||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||
![]() Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
![]() | |||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||
Rallus carolinus Linnaeus, 1758 |
Os adultos teñen unha lonxitude de entre 19 e 30 cm,[5][6][7] coas partes superiores marróns con marcas negras, e cara e partes inferiores grises azuladas, e un barrado branco e negro nos flancos. Teñen un bico curto, groso e amarelo con marcas negras na face na base do bico e na gorxa. Os sexos son similares, pero os individuos novos carecen das marcas faciais negras e teñen unha cara abrancazada e peito beixe. Pesan entre 49 e 112 g.[5]
O hábitat de reprodución da galiñola da Carolina son pantanos de gran parte de Norteamérica.[8] Nidifican en sitios ben agochados entre densa vexetación. A femia xeralmente pon de 10 a 12 ovos, ás veces chega a poñer 18, nun niño con forma de cunca construído con vexetación do pantano. Os ovos non fan eclosión todos á vez. Ambos os pais incuban e alimentan as crías, as cales abandonan o niño pouco despois da eclosión e poden voar un mes despois.
Migran ao sur dos Estados Unidos e norte de Suramérica. Son aves errantes moi raras en Europa occidental (accidentais en Galicia[2]), onde se poden confundir coa galiñola pinta. Porén, esta última ten sempre un peito con pintas, unha banda na parte superior da cabeza e un debuxo diferente nas ás.
Aliméntanse mentres camiñan ou nadan. Son omnívoras e comen sementes, insectos e caracois. Aínda que son aves máis fáciles de oír que de ver, ás veces poden verse camiñando preto de augas abertas. Son bastante comúns, malia a diminución nos últimos tempos dos hábitats axeitados para elas. A súa chamada é un asubío lento que soa ker-ui, ou un rincho descendente. Usar gravacións coa súa chamada incrementa moito as posibilidades de oíla e vela, xa que adoita investigar a fonte da chamada.