Metabolismo ácido das crasuláceas
From Wikipedia, the free encyclopedia
O metabolismo ácido das crasuláceas ou fotosíntese CAM (do inglés Crassulacean acid metabolism) é un tipo de fixación do carbono fotosintética que evolucionou nalgunhas plantas como unha adaptación a condicións áridas.[1] Recibe o seu nome da familia Crassulaceae de plantas, que teñen este tipo de fotosíntese, pero dáse tamén noutras familias de plantas. Nunha planta que utilice plenamente o CAM, os estomas das follas permanecen pechados durante o día para reducir a perda de auga por evapotranspìración, pero ábrenos de noite para obter o dióxido de carbono (CO2) necesario para a súa fotosíntese. O CO2 almacénase en forma dun composto de 4 carbonos, que é o malato, e despois este utilízase para ceder CO2 durante o día e facer a fotosíntese. Deste modo, sempre hai unha concentración elevada de CO2 arredor do encima RuBisCO, encargado da fixación do carbono, o que incrementa a eficiencia fotosintética.