Formación xeolóxica
From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha formación xeolóxica (ou simplemente formación) é unha unidade litoestratigráfica formal que define corpos de rochas caracterizados por unhas propiedades litolóxicas comúns (composición e estrutura) que as diferencian das adxacentes. É a principal unidade de división litoestratigráfica. Poden asociarse en unidades maiores (grupos), subdividirse (membros) ou diferenciarse unidades menores significativas (capas). A disciplina xeolóxica que se ocupa das unidades litoestratigráficas é a estratigrafía. A definición e recoñecemento de formacións permite aos xeólogos correlacionar os estratos xeolóxicos ao longo de amplas distancias entre os distintos afloramentos e exposicións dos estratos de rochas.
Segundo a Comisión Internacional de Estratigrafía, o conxunto de rochas sedimentarias da codia terrestre debería estar completamente definido mediante formacións, mentres que non sería obrigatorio facelo con outros tipos de unidades litoestratigráficas.[1] Non hai un límite de espesor para poder establecer unha formación, mais as normas internacionais indican que, polo menos, han de ser representables nun mapa xeolóxico —xeralmente de escala 1:50 000 a 1:25 000—. As formacións xeolóxicas son xeralmente capas de rochas sedimentarias, pero poden ser tamén rochas metamórficas e fluxos volcánicos. As rochas ígneas intrusivas xeralmente non están divididas en formacións.