Fixación do carbono C4
From Wikipedia, the free encyclopedia
A fixación do carbono C4 é un dos tres procesos bioquímicos, xunto coa fixación C3 e a CAM, que se utilizan para fixar o carbono na fotosíntese. Denomínase así porque o primeiro produto estable da fixación do carbono é un composto de catro carbonos (C4). Tecnicamente a fotosíntese CAM ten tamén unha fixación C4, xa que nela se orixina tamén unha primeira molécula de C4, pero esta fotosíntese presenta bastantes diferenzas con respecto ás plantas C4 propiamente ditas, das que tratará este artigo. A fixación C4 dáse nun conxunto minoritario de plantas, xa que a gran maioría teñen unha fixación C3 (orixinan unha primeira molécula de tres carbonos); as plantas CAM son un grupo aínda máis reducido.
A fixación C4 é unha elaboración da máis común fixación C3 e crese que evolucionou máis recentemente. As C4 e as CAM evitan a tendencia que ten o encima RuBisCO (que realiza a fixación) de fixar oxíxeno en lugar de dióxido de carbono (o cal supón un desperdicio de enerxía) nun proceso chamado fotorrespiración. A RuBisCO funciona máis eficientemente nun ambiente rico en CO
2 e baixo en O
2. Esta maior eficiencia conséguese creando un ambiente máis axeitado para o funcionamento deste encima transportando o CO
2 formando parte do malato ou aspartato desde as células do mesofilo ás células da vaíña vascular. Nestas células da vaíña vascular, a RuBisCO está illada do oxíxeno amosférico e saturada de CO
2, o cal se libera nesas células por descarboxilación do malato. As plantas C4 usan a PEP carboxilase para capturar máis CO
2 nas células do mesofilo. Este encima cataliza que o fosfoenolpiruvato (PEP) (3 carbonos) se una ao CO
2 converténdose en oxalacetato (4 carbonos). Despois, o oxalacetato orixina malato (de 4 carbonos). O malato entra nas células da vaíña vascular e libera o CO
2 dentro da vaíña vascular para que a RuBisCO funcione máis eficientemente. Porén, estes pasos adicionais necesitan máis enerxía en forma de ATP, pero evitan o fenómeno malgastador de enerxía da fotorrespiración. Debido a isto, as plantas C4 poden fixar máis eficientemente o carbono en condicións de seca, alta temperatura, e limitacións do nitróxeno ou CO
2, comparada coa vía C3 máis común, que é máis eficiente nas outras condicións.