From Wikipedia, the free encyclopedia
Fernán Peres de Andrade, o Boo ou Fernán Pérez de Andrade, primeiro señor de Pontedeume, Ferrol e Vilalba foi un dos máis salientados aristócratas do Reino de Galiza durante o século XIV. Figura controvertida polos seus cambios de lealdade e as usurpacións de bens alleos. Porén, destaca polo seu mecenádego nas letras galegas e as xenerosas doazóns que fixo.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | c. 1326 |
Morte | 1397 (70/71 anos) |
Lugar de sepultura | igrexa de San Francisco de Betanzos |
1º Señor de Pontedeume | |
1371 – 1397 ← sen valor – Pedro Fernández de Andrade → | |
Señor de Ferrol | |
Señor de Vilalba | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Coroa de Castela |
Actividade | |
Ocupación | cabaleiro |
Lingua | Lingua galega |
Familia | |
Familia | Casa de Andrade |
Cónxuxe | 1.Sancha Rodríguez 2.Constanza de Moscoso |
Fillos | 1.Inés Fernández de Andrade 2.María Fernández de Andrade |
Pais | Roi (ou Rui) Freire de Andrade e Inés González de Soutomaior |
Fernán Peres de Andrade foi un membro sobranceiro da casa de Andrade, fillo de Roi Freire de Andrade e de Inés González de Soutomaior[1]. Os primeiros membros desta liñaxe, orixinaria da freguesía, e logo couto, de Andrade en Pontedeume do cal foron os administradores, datan do século XII e son prestameiros (delegados rexios que velaban pola administración de xustiza) e encomendeiros dos mosteiros de Caaveiro e Monfero. A xenealoxía clásica fai descender, sen moito fundamento, á casa de Andrade dos condes de Trava[2].
É moi controvertida a traxectoria de Fernán Peres xa que vai recibindo privilexios e doazóns indistintamente dos irmáns rivais Henrique de Trastámara e Pedro I: En 1356 recibe unha doazón do príncipe bastardo Henrique. Posteriormente, en 1364, recibe outra de Pedro I[3].
Cinco anos máis tarde, a comezos de 1369, non resposta á chamada do arcebispo de Santiago, Rodrigo de Moscoso, para que acuda en defensa do rei Pedro. Aínda que hai sospeitas do seu apoio a Henrique desde 1366 (a tradición sitúao ese ano ao lado de Henrique en Lugo, contra o petrista Fernando de Castro), non cabe dúbida de que a partir do feito anterior apoia abertamente a Henrique, sendo este un dos poucos apoios que o castelán atopou entre os aristócratas galegos. Mesmo se especula sobre a participación, dunha forma ou doutra, de Fernán Peres na morte de Pedro I a mans de Henrique de Trastámara en Montiel o 23 de marzo de 1369[4]. A tradición atribúe ao principal colaborador de Henrique a famosa frase No quito ni pongo rey, mas ayudo a mi señor que o licenciado Molina pon en boca de Fernán Peres, e outros autores na do cabaleiro francés Bertrand du Guesclin. En calquera caso parece que, dalgunha maneira e xunto con outros cabaleiros e fidalgos, algo tivo que ver na morte de Pedro I.
Instalado xa Henrique no trono de Castela, moitos nobres galegos non quixeran prestarlle vasalaxe e ofreceran a coroa ó rei Fernando I de Portugal, que entrara en Galiza sendo recibido con grandes aclamacións de entusiasmo en Tui, Baiona, Salvaterra, Redondela, Ourense, Compostela, A Coruña e outros moitos lugares. Sabido isto polo rei Henrique, partiu, decidido á loita, desde Zamora con todos os seus grandes señores e cabaleiros aos que, sen dúbida, debeuse unir Fernán Peres. O rei portugués evitou a loita e embarcou nas súas naves, mais deixou na Coruña parte dos seus parciais e, como gobernador da cidade a Nuno Freire de Andrade, irmán de Fernán Peres que emigrara a Portugal.
Como represalia, Henrique II entrou en Portugal e tomou varias cidades lusas como Braga, Guimarães e Braganza, para despois volver a Castela sen que o monarca portugués lle fixese fronte. Pouco tempo despois, o rei Fernando apresara en augas de Lisboa uns buques casteláns, en virtude da alianza co duque de Lancaster, que aspiraba ó trono de Castela ó estar casado con dona Costanza, filla de Pedro I. De novo invade Henrique II o pais luso sen encontrar resistencia. Toma varias prazas e mesmo chega ós arrabaldes de Lisboa. O rei portugués acepta a paz que o cardeal de Boloña, legado do Papa, trataba entre el e o rei castelán. Froito do tratado de paz, os portugueses deixaron A Coruña no 1372, que pasou a ser gobernada por Fernán Peres de Andrade.
Tras estes feitos, Fernán Peres de Andrade pasou a ser o señor indiscutible de todas as terras desde o Ortegal ata A Coruña. O ascenso na nobreza prodúcese co seu nomeamento como primeiro señor de Pontedeume[5] e Ferrol, en virtude do privilexio outorgado en Burgos o 19 de decembro de 1371 por Henrique de Trastámara. O 3 de agosto de 1373 recibiu do mesmo rei o señorío da Vila de Vilalba.
Morto Henrique II en 1379 sucédeo no trono o seu fillo Xoán I ao que continúa servindo. Ó pouco tempo, en 1380 ten que intervir a petición do mosteiro de Sobrado para que o Andrade devolva as propiedades que lles tiña usurpado desde había máis dunha década. Fartos de reclamaren a Fernán Pérez, acode o subprior de Sobrado a solicitar a mediación real. O rei ordena a devolución das propiedades do mosteiro ó cal accede o señor de Pontedeume, mais non completamente, xa que non devolve a parte de máis valor da granxa e couto de Nogueirosa onde xa tiña edificado o seu castelo. Un episodio semellante produciuse no mesmo ano cos monxes do mosteiro de Bergondo co mesmo ditame rexio de devolución das propiedades monásticas.
Xoán I reclamara o trono portugués trala morte de Fernando I en 1383 por estar casado coa súa filla Beatriz, herdeira lexítima ó trono luso. En 1384, no contexto da guerra de sucesión de Portugal entre Xoán I de Castela e Xoán, mestre de Avis, irmán bastardo de Fernando I, os portugueses asolan as costas galegas. Fernán Pérez de Andrade acode á defensa de Betanzos que asediaba Pedro Enríquez de Castro, conde de Trastámara e sobriño do rei de Castela ó que traizoara. O señor de Pontedeume logra manter a praza, mais parece que houbo avinza entre o conde rebelde e o Andrade para que aqueles se retiraran sen ter tentado o asalto[6].
En 1386 Xoán de Gante, duque de Lancaster, asedia A Coruña. O motivo deste ataque é a vella pretensión do duque ó trono de Castela. O 25 de xullo de 1386, aproveitando o forte rexeitamento da nobreza galega á dinastía dos Trastámara, e a derrota dos casteláns en Aljubarrota, cerca A Coruña cun cento de barcos. Defendía a cidade Fernán Pérez de Andrade, como alcaide dela que era. Moitos cronistas falan dunha defensa heroica da cidade sen que caera en mans inimigas. Porén, outros historiadores[6] din que hai poderosos argumentos para supor que a cidade caeu en mans dos ingleses, mesmo o Andrade puido chegar a un acordo co duque para manterse como alcaide. O feito é que o duque de Lancaster chegou a domiñar case toda Galicia durante case dous anos. Finalmente, o rei Xoán I de Castela e o duque de Lancaster chegaron a un acordo, grazas ó cal os ingleses retiráronse e Fernán Pérez continuou sendo alcaide da Coruña.
Fernán Peres de Andrade casou con Sancha Rodríguez (coa que tivo dúas fillas: María Fernández de Andrade, Inés Fernández de Andrade, e un fillo, Fernández de Andrade, que morreu novo[7]) e con Constanza de Moscoso, mais deste matrimonio non tivo descendencia. Morreu en agosto do ano 1397 e legou o seu patrimonio ao seu sobriño Pero Fernandes de Andrade (fillo do seu irmán Xoán Freire de Andrade), continuador da liñaxe.
O sartego onde repousan os seus restos mortais, na igrexa de San Francisco de Betanzos, está considerado unha das xoias da escultura gótica galega.
A lenda conta que o sobrenome de O Bo vénlle da despedida do seu pai cando, acompañando a Henrique de Trastámara, o veu marchar cara a Francia para apoiar ó rei galo na guerra que mantiña co monarca inglés, dixo: Se bo, que bo compañeiro levas.
Outra lenda di que mandou construír sete igrexas, sete mosteiros, sete hospitais e sete pontes, o cal non anda lonxe da realidade pois foi inmenso o seu afán construtor.
No terreo cultural, Fernán Peres amosou un especial interese pola literatura. Ao seu patrocinio débese a primeira versión galega da Crónica troiana[8], feita polo seu capelán Fernán Martís.
Favoreceu especialmente ó mosteiro de Monfero, ó que cedera tódalas súas inmensas propiedades de Ortigueira para o establecemento da granxa que despois se chamou de Sáa. En palabras do historiador César Vaamonde Lores:
Todas mandadas facer por Fernán Peres. As existentes na actualidade son de nova factura:
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.