Expedición Malaspina
From Wikipedia, the free encyclopedia
En setembro de 1788, Alessandro Malaspina, xunto co seu amigo José de Bustamante y Guerra, propoñen ao goberno español a organización dunha expedición político-científica ao redor do mundo co fin de visitar case todas as posesións españolas en América e Asia.
Esta viaxe deuse a coñecer polos promotores como "Viaje científico y recreativo alrededor del mundo". Durante a travesía foi coñecido popular e publicamente como "Expedición vuelta al mundo". Á chegada de volta a España, 1794, como non se regresara atravesando o océano Índico e o cabo da Boa Esperanza, como consecuencia da sobrevida guerra entre España e Francia, denominouse "Expedición ultramarina iniciada el 30 de julio de 1789". E cando se publicaron por primeira vez os traballos da expedición (en 1885) polo tenente de navío Pedro Novo, foi dada a coñecer como "Viaje recreativo-científico alrededor del mundo por las corbetas Descubierta y Atrevida, al mando de los Capitanes de navío don Alejandro Malaspina y don José Bustamante y Guerra desde 1789 a 1794". Posteriormene coñeceuse como Expedición Malaspina.
Na actualidade diversas institucións españolas puxeron en marcha unha gran expedición científica de circunnavegación que recibiu o nome deste mariño en recoñecemento ás súas achegas ao coñecemento xeográfico e científico: a Expedición Malaspina (2010-2011).