A excomuñón[1] (do latín eclesiástico ex-communicare, "botar da comunidade") é unha censura relixiosa usada para privar, suspender ou limitar a filiación nunha comunidade relixiosa ou para restrinxir certos dereitos dentro dela. O termo aplícase polo xeral a algunha igrexa ou comunidade cristiá, mais hai castigos semellantes noutras relixións. Nalgunhas relixións, a excomuñón inclúe unha condenación espiritual do membro do grupo. Tamén pode implicar o exilio e a vergoña comunitaria da persoa excomungada.

Thumb
Imaxe do papa Gregorio IX excomungando.

No cristianismo

Catolicismo

No dereito canónico da Igrexa Católica a excomuñón é unha censura e, xa que logo, unha pena correctiva que pretende convidar á persoa a cambiar de comportamentos ou actitudes, arrepentirse, e volver á comuñón plena.[2] Non é, por tanto, unha "pena expiatoria" para paliar o mal feito nin unha "pena vingativa" co único propósito de castigar.

A excomuñón pode ser latae sententiae (automática, imposta no momento de cometer unha ofensa para a que o dereito canónico impón dita pena) ou ferendae sententiae (imposta de xeito directo por un superior ou declarada como sentenza dun tribunal eclesiástico).[3]

Os excomungados seguen a ser considerados católicos e, xa que logo, manteñen obrigas como a asistencia a Misa, malia non poder recibir a Eucaristía e de tomar parte activa na liturxia (ler, levar as ofrendas etc.).[4] Porén, a súa comuñón coa Igrexa considérase gravemente deteriorada.[5] Malia todo, ínstaselles a manter relación coa Igrexa, xa que a excomuñón busca o seu arrepentimento e a súa volta á participación activa na vida da mesma.

Ortodoxia

Na Igrexa Ortodoxa, a excomuñón consiste na exclusión dun membro da participación na Eucaristía, non a expulsión da Igrexa. Isto pode ter diversas causas, como non ter confesado nun ano ou como parte dun período de penitencia. O propósito disto é que o membro volva á plena comuñón. As Igrexas Ortodoxas teñen unha forma de expulsión, declarando anatema, mais isto resérvase só a actos de herexía seria e persistente. O Patriarcado de Moscova declarou herexe a Sergei Bulgakov deste xeito, ao declarar que Santa Sofía era semellante a unha cuarta dimensión da Santa Trindade.

Luteranismo

Anglicanismo

A Igrexa de Inglaterra non ten unha regulamentación específica dos motivos ou da forma da excomuñón. Porén, ten regulamentado que as exequias relixiosas pódense negar aos excomungados:

[...] agás a persoa [...] teña sido declarada excomungada por crime notorio e grave e non haxa quen testifique o seu arrepentimento.[6]

A Igrexa Episcopaliana dos Estados Unidos, como parte da Comuñón Anglicana, comparte moitas normas canónicas coa Igrexa de Inglaterra, e estes determinan a súa política en canto á excomuñón.

Conceptos semellantes noutras relixións

Xudaísmo

O herem é a maior censura relixiosa no xudaísmo. Supón a exclusión total da persoa da comunidade xudía. Agás nos casos da comunidade haredi, o herem desapareceu logo da ilustración, cando as comunidades xudías perderon a súa autonomía política. Unha orde siruv emitida por un tribunal rabínico tamén pode limitar a participación relixiosa.

Notas

Wikiwand in your browser!

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.

Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.