Estación de Waterloo
From Wikipedia, the free encyclopedia
A estación de Waterloo é unha terminal de ferrocarril e metro de Londres, situada na zona de Waterloo, en Lambeth, unha das 19 estacións que xestiona a empresa Network Rail.[1] Localízase preto da marxe sur do Támese, na zona central de transportes da capital británica. A primeira construción ferroviaria nesta localización data de xullo de 1848, aínda que foi en 1922 cando se inaugurou o edificio actual. Unha parte da edificación está considerada ben arquitectónico.
Con case 100 millóns de pasaxeiros entre entradas e saídas, só entre abril de 2013 e marzo de 2014, Waterloo é a estación do Reino Unido con maior tránsito de pasaxeiros.[2] O complexo de Waterloo é a 15ª terminal ferroviaria por número de pasaxeiros de Europa,[3] e 91ª do mundo.[4] É tamén a que dispón de máis plataformas e a meirande planta de todo o Reino Unido (aínda que Clapham Junction a só 6 quilómetros, ten maior número de trens).
Waterloo é o terminal do centro de Londres para a empresa South West Trains que ofrece a maioría do servizos rexionais cara ao suroeste de Londres, Surrey, Hampshire, Dorset e parte de Berkshire. Os principais destinos son Wimbledon, Epson, Dorking, Guildford, Woking, Basingstoke, Winchester, Southampton, Salisbury, Portsmouth, Bournemouth, Weymouth e Exeter.