Epítopo linear
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un epítopo linear ou epítopo secuencial é un epítopo que é recoñecido por anticorpos pola súa secuencia linear de aminoácidos ou estrutura primaria. En contraste, a maioría dos anticorpos recoñecen un epítopo conformacional que ten unha forma tridimensional específica na súa estrutura proteica.
Un antíxeno é calquera substancia que o sistema inmunitario pode recoñecer como alleo e que provoca unha resposta inmunitaria. Como os antíxenos son xeralmente proteínas que son demasiado grandes para unirse en conxunto a calquera receptor, só uns segmentos específicos que forman o antíxeno se unen a un anticorpo específico. Ditos segmentos denomínanse epítopos. Igualmente, só o parátopo do anticorpo toma contacto co epítopo.
As proteínas están formadas por aminoácidos. A secuencia linear de aminoácidos que compón unha proteína é a súa estrutura primaria. As proteinas non son normalmente de forma linear, senón que teñen unha estrutura tridimensional. Pero, cando un antíxeno é degradado nun lisosoma, orixina pequenos péptidos de forma linear, que son presentados na superficie da célula e que poden ser recoñecidos pola súa secuencia de aminoácidos, polo que se chaman epítopos lineares.[1]