As eleccións xerais de Suráfrica de 1994 realizáronse do 26 ao 29 de abril de 1994. Foron os primeiros comicios celebrados en Suráfrica aplicando o dereito ao sufraxio universal e consolidaron a fin do réxime do apartheid. A elección desenvolveuse baixo a dirección da Comisión Electoral Independente.
Datos rápidos Data, Tipo ...
Pechar
Durante os catro días de votación millóns de cidadáns foron votar, formándose longas fileiras. O proceso estivo marcado polos asasinatos de vinte e unha persoas en atentados terroristas perpetrados por grupos vinculados á extrema dereita surafricana oposta ao proceso de democratización.[2] En total, foron computados 19 726 579 votos, dos cales 193 081 foron invalidados. O gañador foi o Congreso Nacional Africano (ANC) —apoiado polo Partido Comunista de Suráfrica (SACP) e o Congreso de Sindicatos Surafricanos (COSATU)—, con máis do 62 % dos sufraxios. Tal e como estaba previamente pactado, formouse un goberno tripartito composto polo ANC, o Partido Nacional (PN) e o Partido da Liberdade Inkatha (PLI), as tres forzas políticas que obtiveran polo menos o 5 % dos votos.[3]