Efecto apotropaico
From Wikipedia, the free encyclopedia
Efecto apotropaico é un termo antropolóxico para describir un fenómeno cultural que se expresa como mecanismo de defensa máxico ou sobrenatural evidenciado en determinados actos, rituais, obxectos ou frases formularias, consistente en afastar o mal ou protexerse del, dos malos espíritos ou unha acción máxica maligna en particular, purificándose (catarse) con este rito ou obxecto ritual.
O termo deriva do verbo grego αποτρέπειν (apotrépein ‘afastarse’), e relaciónase fundamentalmente coa necesidade psicolóxica de achar certa seguridade ante o incerto e descoñecido, o que comunmente se relaciona co perigoso e posiblemente daniño. É común que na orde lingüística e idiomática isto se reflicta facendo xogos de palabras, circunloquios, perífrases ou eufemismos a fin de evitar certas palabras, especialmente as consideradas tabú.