Determinación do sexo pola temperatura
From Wikipedia, the free encyclopedia
O sistema de determinación do sexo pola temperatura ambiental é un tipo de determinación do sexo da descendencia por factores ambientais, no cal a temperatura á que están sometidos os ovos durante o desenvolvemento embrionario do animal determina que o individuo que vai nacer sexa dun sexo ou outro. Hai determinados limiares de temperatura que ao sobrepasalos nacen individuos dun sexo, e cando a temperatura permanece por debaixo nacen do outro sexo.[1] Onde é máis común este sistema é entre a clase dos réptiles,[2] pero tamén se dá nalgunhas aves (que normalmente utilizan o sistema ZW) como o megapódido australiano Alectura lathami. Non se trata dun sistema cromosómico de determinación do sexo por medio de cromosomas sexuais, que son os máis comúns entre os vertebrados (sistema XY ou ZW). Polo contrario é un tipo de determinación sexual ambiental, nas que un factor ambiental é o determinante, neste caso a temperatura, noutros casos a poboación (polifenismo).
Os ovos son afectados pola temperatura á que se incuban durante o terzo intermedio do seu desenvolvemento embrionario.[3] Este período crítico de incubación coñécese como o período termosensitivo.[4] O momento específico da determinación do sexo coñécese grazas ao estudo histolóxico da determinación sexual das gónadas embrionarias das tartarugas.[3]