From Wikipedia, the free encyclopedia
David Paul Cronenberg, nado en Toronto o 15 de marzo de 1943, é un actor e director de cine canadense. É un dos principais creadores do que se denomina "horror corporal", que explora os medos humanos ante a transformación corporal e a infección. Nas súas películas, o psicolóxico é tipicamente mesturado co físico. Na primeira metade da súa carreira explorou estes temas principalmente a través do terror e a ciencia ficción, aínda que co tempo foise afastando destes xéneros.
Naceu no seo dunha familia lituana e xudía en Toronto. O seu pai era xornalista e a súa nai pianista. Asistiu ó Harbord Collegiate Institute na súa mocidade e logo graduouse en literatura na Universidade de Toronto. Citou a William S. Burroughs e Vladimir Nabokov como as súas maiores influencias.
Despois de dous sketches e dúas curtametraxes de art cinema (Stereo, en branco e negro, e Crimes of the Future, en cor), Cronenberg asociouse con Ivan Reitman. O goberno canadense financiou as películas de Cronenberg durante os anos 70. Cronenberg alternou as súas orixinais películas de horror corporal, como Viñeron de dentro de..., con proxectos que reflectían o seu interese nas carreiras de autos e as pandillas de motociclistas. Rabia explotou o insospeitado talento na actuación da estrela porno Marilyn Chambers (a primeira elección de Cronenberg fora unha descoñecida moza chamada Sissy Spacek). Rabia foi unha revelación coa distribución internacional e as súas dúas seguintes películas de terror gañaron un apoio máis sólido.
Durante a súa carreira, as películas de Cronenberg seguiron unha progresión definida, un movemento do mundo social á vida interior. Nas súas primeiras películas, científicos modificaban corpos humanos, o que daba lugar a unha anarquía social (como Viñeron de dentro de... ou A rabia). No seu período intermedio, o caos causado polo científico é máis persoal, (The Brood, Scanners, Videodrome). No período máis recente é o científico o que é alterado polo seu experimento (como o remake de A mosca). Este período conclúe con Dead Ringers - presumiblemente a súa mellor obra - na que un par de xinecólogos xemelgos se internan na codependencia e a adicción ás drogas. As súas películas máis recentes tenden máis cara ao psicolóxico, decotío contrastando con realidades subxectivas e obxectivas (eXistenZ, M. Butterfly, Spider).
Cronenberg dixo que as súas películas deberían ser vistas "desde o punto de vista da enfermidade" o que identifica cos personaxes en Shivers logo de seren infectados cos parasitos anárquicos. Esta perspectiva está ilustrada en A mosca cando o heroe descobre que foi xeneticamente fusionado cun insecto. En vez de dicir "O meu telepod descompúxose", di "O meu telepod transformouse nun empalmador xenético". Enfermidade e desastre, no traballo de Cronenberg, son mellores problemas con que pelexar que os axentes de transformación persoal. Similarmente, en Crash (1996), a xente que resultou ferida en accidentes de circulación trata de ver o seu calvario como "un fertilizante en vez dun evento destrutivo". En 2006, Cronenberg manifestou que estaba molesto con Paul Haggis por elixir o mesmo nome para a súa galardoada película Crash, sentindo que non só era eticamente incorrecto, senón tamén irritante.
Á parte de The Dead Zone (1983) e A mosca (1986), Cronenberg non traballou dentro do mundo do cine comercial e de alto presuposto de Hollywood, aínda que tivo acercamentos ocasionais. Nalgún momento foi considerado por George Lucas como un posible director para a película O retorno do Jedi, pero foi desestimado. Cronenberg tamén traballou durante case un ano nunha versión de Total Recall, pero experimentou "diferenzas creativas" cos produtores Dino de Laurentiis e Ronald Shusett. Unha versión diferente da película foi finalmente realizada por Paul Verhoeven. A finais dos 90 anunciouse a Cronenberg como director dunha secuela doutra película de Verhoeven, Instinto básico, pero isto tamén fracasou. O seu traballo recente, o thriller A History of Violence (2005), é un dos de máis alto presuposto e máis masivo ata a data. Dixo que a decisión de dirixila foi influenciada por ter que aprazar o seu salario na cinta de baixo presuposto Spider, malia ser unha das súas películas máis aclamadas pola crítica.
Cronenberg contratou a Howard Shore para compor a banda sonora na maioría das súas películas. Outros colaboradores regulares son o actor Robert Silverman, o director de arte Carol Spier, o editor de son Bryan Day, o editor Ronald Sanders, a súa irmá, a deseñadora de vestiario Denise Cronenberg, e, entre 1979 e 1988, o director de fotografía Mark Irwin.
Desde Dead Ringers (1988), Cronenberg traballou co director de fotografía Peter Suschitzky en cada unha das súas películas. Suschitzky foi tamén o director de fotografía de O imperio contraataca, e Cronenberg ten dito que o traballo de Suschitzky nesa película fixo que sexa a máis fermosa película de ciencia ficción que vira, o que foi un factor que o motivou a traballar con el en Dead Ringers.
Asociado coa lealdade que amosa ós seus colaboradores clave, Cronenberg segue a ser un cineasta canadense incondicional, con case tódalas súas películas -incluíndo as grandes de estudio The Dead Zone e A mosca- filmadas na súa provincia natal de Ontario (excepcións notables inclúen M. Butterfly e Spider, maiormente filmadas na China e Inglaterra respectivamente). Ademais, Rabia foi filmada nos arredores de Montreal). A maioría das súas películas foron polo menos parcialmente financiadas por Telefilm Canada, e Cronenberg é un partidario dos proxectos fílmicos apoiados polos gobernos, dicindo "cada país necesita un sistema de fondos gobernamentais coa fin de ter un cine nacional fronte a Hollywood."
Cronenberg tamén apareceu como actor en películas doutros directores. A maioría dos seus papeis son cameos, como en Into The Night, Todo por un soño, e Alias, pero nalgunha ocasión interpretou papeis principais, como en Nightbreed ou Last Night. Non interpretou ningún papel principal nas súas películas; só fixo unha breve aparición como xinecólogo en A mosca; pódese escoitar fóra de cámara como un aparcador en Crash, e tamén pode ser visto fugazmente entre a multitude de obsesos sexuais en Viñeron de dentro de....
En 2002 foi nomeado Oficial da Orde do Canadá.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: David Cronenberg |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.