Dólar de ouro
From Wikipedia, the free encyclopedia
O dólar de ouro estadounidense é unha moeda de ouro que formou parte das emisións regulares da Casa da Moeda dos Estados Unidos (US Mint) en todas as súas cecas entre 1849 e 1889. Esta moeda foi deseñada polo gravador xefe da US Mint, James Barton Longacre, e tivo tres tipos durante as súas décadas de produción; o primeiro deles supón a moeda máis pequena de todas as emitidas nos EEUU.
Nas décadas de 1830 e de 1840 propúxose en diversas ocasións a emisión dunha moeda de ouro con valor facial dun dólar, aínda que non chegou a materializarse. Finalmente, o Congreso dos EEUU autorizou esta emisión en 1849 ante o aumento da cantidade de lingotes de ouro producido pola "febre do ouro" de California. Nos seus primeiros momentos, a nova moeda cubriu un espazo baleiro na circulación, dado que os dólares de prata estaban a atesourarse ou a exportarse. No entanto, a prata volveu á circulación a partir de 1853, cando o Congreso determinou unha redución do seu metal, e os dólares de ouro comezaron a ser cada vez máis raros no comercio, ata a súa desaparición da circulación durante a guerra civil estadounidense.
O dólar de ouro non retornou á circulación ata 1879, aínda que non chegou a utilizarse tanto como na primeira época. Nos seus derradeiros anos de produción as cantidades cuñadas foron moi pequenas, o que provocou a especulación, e mesmo pasou a ser demandada para a fabricación de xoias. A súa emisión regular finalizou en 1889 e o ano seguinte o Congreso decidiu formalmente o final da serie.