Costa Brava
From Wikipedia, the free encyclopedia
A Costa Brava é o nome asignado á zona costeira de Cataluña que comeza na desembocadura do río Tordera en Blanes e acaba na fronteira con Francia en Portbou. Limita ao norte coa Costa Vermella e ao sur coa Costa do Maresme.
Esta franxa litoral ten unha extensión de 214 km e está comprendida polas comarcas catalás do Alt Empordà, o Baix Empordà e La Selva. Sitúase na provincia de Xirona, pertencente á Comunidade Autónoma de Cataluña.
O termo Costa Brava foi publicado polo xornalista Ferrán Agulló nas páxinas de La Veu de Catalunya o 12 de setembro de 1908. Con esta expresión o xornalista quería describir a paisaxe agreste e escarpado que caracteriza gran parte da zona costeira.
Xa pola década dos 30, os turistas enchían as praias da zona, pero aínda se mesturaban con pescadores e agricultores que cultivaban preto da costa. A partir dos anos 50 e 60 o fenómeno turístico xeneralizouse e houbo un gran desenvolvemento urbanístico dalgunhas localidades destas comarcas.
Ata a chegada da economía do turismo, moitas das localidades da rexión costeira eran pequenos pobos de pescadores de casas encaladas e estreitos rueiros. Os seus habitantes, as súas tradicións e a beleza natural da rexión espertaron o interese de artistas e escritores como Marc Chagall, Picasso, Rusiñol ou Dalí. Actualmente, a zona aínda conserva gran parte desta esencia que a caracterizaba antes do cambio que supuxo a chegada do turismo.