From Wikipedia, the free encyclopedia
A Conquista española das nacións chibchas refírese ó período de conquista levado a cabo polo Imperio Español das nacións chibchas, principalmente os muiscas e os taironas que habitaban a actual Colombia, comezando o proceso da colonización española de América.[1]
Os primeiros habitantes da actual Colombia foron membros de pobos procedentes de Mesoamérica que se estabeleceron na rexión no -1200, seguido por dúas ondas migratorias, a primeira no -500 e a terceira entre o -400 e o -300. Posteriormente, os arauacos orixinarios do sur (no río Orinoco) tamén se estabeleceron na zona, seguidos polos caribes que se asentaron nas terras baixas e desprazaron ós mesoamericanos ás montañas. As áreas meridionais da actual Colombia formaban parte do Imperio Inca.[2]
Existiron dúas tribos desenvolvidas social e economicamente na era da chegada dos españois: os muiscas, e os taironas. Ámbolos dous pobos formaban parte das nacións chibchas.
No século XVI, os chibchas, estaban divididos en dous grupos principais: os muiscas, asentados nas chairas de Cundinamarca e Boyacá, e os tairona, asentados na zona norte de Serra Nevada de Santa Marta no actual departamento de La Guajira.
O primeiro español que navegou as costas do que hoxe é Colombia foi Alonso de Ojeda en 1499,[3] que lideraba unha expedición polas costas da península de La Guajira no cabo de la Vela, entre cuxa tripulación se atopaba Juan de la Cosa, mais nunca desembarcaron. En 1502, Juan de la Cosa organizou a súa propia expedición e volveu a La Guajira.[4]
En 1502, na outra costa da actual Colombia preto do Golfo de Urabá, os exploradores españois liderados por Vasco Núñez de Balboa conquistaron a área preto do río Atrato. Alí fundaron Santa María la Antigua del Darién (c. 1509) e a vila de San Sebastian de Urabá (c. 1508-1510), os dous primeiros asentamentos europeos na América continental.[5]
O 29 de xullo de 1525, foi fundada a cidade de Santa Marta na costa norte de Colombia polo conquistador Rodrigo de Bastidas. En 1536, Gonzalo Jiménez de Quesada liderou unha expedición con 600 soldados e 85 cabalos, deixando atrás Santa Marta e chegando a territorio muisca ese mesmo ano.
Entre as vilas de Suesca e Nemocón, a expedición de De Quesada enfrontouse á primeira resistencia activa muisca: o zipa muisca Tisquesusa realizou un esforzo errado de acabar cos invasores, que deron a primeira mostra da súa superioridade militar.
Posteriormente, De Quesada foi asediado sen descanso na sabana de Bogotá polas forzas de Tisquesusa, mais conseguiu sacar proveito das rivalidades entre os varios xefes indíxenas para ir enfraquecendo o poder do zipa de Bacatá. Os xefes de Chía e Suba foron dos primeiros en someterse e colaborar cos españois, mentres que os homes de Tisquesusa sufrían derrota tras derrota e non conseguiron opoñerse ós españois, que contaban con cabalos, cans e armas de metal, en troques das armas de madeira primitivas: lanzas, mazas e dardos. Tisquesusa continuou a asediar e atacar os españois, mais morreu nalgunha contenda escura, a finais de 1537, sen que os españois o soupesen e sen que coñecesen o seu tesouro.[6]
O sucesor de Tisquesusa, o seu sobriño Zaquesazipa (Saquesazipa) someteuse axiña ós españois, mais as relacións entre os españois e Zaquesazipa non tardaron moito en deteriorarse. Querendo facerse co tesouro do zipa, os españois apreixoaron a Zaquesazipa e levárono a xuízo, acusándoo de rebelión contra os españois e de non revelar a localización onde o tesouro estaba agochado.
Tundama foi outro xefe que apareceu listo para loitar contra os invasores. Este belicoso líder chamou ós seus soldados e pediu a asistencia de caciques veciños de Serinza, polo que cando chegou De Quesada, atopou as máis ordenadas e marciais forzas militares dos muiscas, dispostos en diferentes faccións e adornados con plumas de diferentes cores. Na batalla, chamada Bonsa, as forzas indíxenas opuxeron unha resistencia desesperada. O xeneral español De Quesada estivo en perigo de perder a vida cando caeu do cabalo no medio dos inimigos, pero as filas indias rompéronse e os españois acadaron a vitoria nos pantanos de Bonsa.[7]
Finalmente, o 6 de agosto de 1538, a cidade de Bogotá (chamada orixinalmente Santa Fé de Bogotá) foi fundada sobre a capital orixinal dos muiscas, Bacatá.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.