Coloración disruptiva
From Wikipedia, the free encyclopedia
A coloración disruptiva (ou camuflaxe disruptiva ou padrón disruptivo) é unha forma de camuflaxe que funciona rompendo os perfís dun animal, soldado ou vehículo militar cun padrón fortemente contrastante. Adoita ser combinado con outros métodos de cripse incluíndo a correspondencia coa cor do fondo e a contracoloración; casos especiais son a coloración disruptiva coincidente e a máscara ocular disruptiva que teñen algúns peixes, anfibios e réptiles. Esta coloración pode parecer paradoxal como forma de non ser visto, xa que a disrupción de perfís depende dun alto contraste, polo que as manchas de cor son por separado moi rechamantes.
A importancia dos padróns de alto contraste para unha efectiva disrupción foi xa sinalada en temos xerais polo artista Abbott Thayer en 1909 e explicitamente polo zoólogo Hugh Cott en 1940. Investigacións experimentais posteriores empezaron a confirmar estas predicións. Os padróns disruptivos funcionan mellor cando todos os seus compoñentes se corresponden co fondo.
Aínda que a correspondencia co fondo funciona mellor cun só fondo, a coloración disruptiva é unha estratexia máis efectiva cando un animal ou un vehículo militar teñen fondos variados.
Inversamente, os animais velenosos ou de sabor desagradable poden anunciar a súa presenza con coloracións de advertencia (aposematismo), que usa padróns que salientan en vez de disimular os seus perfís. Por exemplo, as mofetas, píntegas e bolboretas monarca teñen padróns de alto contraste que resaltan os seus perfís.