equipo galego de hóckey a patíns From Wikipedia, the free encyclopedia
O Club Patín Cerceda,[lower-alpha 1] ou simplemente Patín Cerceda, foi un equipo galego de hóckey a patíns da localidade de Cerceda (A Coruña). O equipo foi creado en 2009 logo do ascenso á OK Liga do segundo equipo do H.C. Liceo. Logo de sete anos de existencia, o equipo disolveuse por motivos económicos militando na OK Liga, a máxima categoría do hóckey a patíns español.
Nas sete tempadas que o equipo estivo en competición conseguiu dúas participacións na segunda competición de clubs a nivel europeo, a Copa CERS, na que debutou na tempada 2014-15, se ben en ningunha delas conseguiu superar a primeira eliminatoria. Tamén disputou dúas veces a Copa do Rei, ambas de xeito consecutivo en 2014 e 2015 sen superar os cuartos de final. Xogou catro tempadas na máxima categoría do hóckey a patíns español, a OK Liga, tres delas de xeito consecutivo. Logo de descender á segunda categoría no ano do seu debut como equipo independente, o Cerceda recuperou a categoría logo de proclamarse campión da Primeira División[lower-alpha 2] na tempada 2012-13, tempada na que ademais conseguiu o subcampionato da Copa do Príncipe.[lower-alpha 3]
Durante a curta historia do equipo a súa única presidenta for María Isabel Bermúdez, mentres que o único técnico que ocupou o banco cercedense foi o coruñés Juan Copa. O Patín Cerceda disputaba os seus partidos como local no Pavillón Deportivo de Cerceda, un pavillón con capacidade para 600 persoas.
O 8 de outubro de 2008, o Hockey Club Liceo da Coruña asinou un acordo de colaboración co Concello de Cerceda polo cal o concello cercedense patrocinaría ao segundo equipo do club coruñés en Primeira Nacional e este comprometeríase a disputar os seus partidos oficiais e realizar as sesións de adestramento nas instalacións municipais cercedenses. O convenio foi asinado polo daquela alcalde de Cerceda José García Liñares e o presidente do Liceo no momento, Eduardo Lamas.[3] Deste xeito o segundo equipo do club coruñés pasou a xogar todos os seus partidos como local en Cerceda e adoptou a denominación Liceo Cerceda.[4]
Na tempada 2008-09 o Liceo Cerceda, dirixido polo coruñés Juan Copa, conseguía o ascenso á máxima categoría do hóckey a patíns español logo de gañar o título da Primeira Nacional a falta de dúas xornadas para a súa conclusión, se ben o daquela filial liceísta xa tiña asegurado o ascenso á OK Liga, logo de derrotar 1-2 ao FM Oviedo Roller e aproveitar a derrota do GEiEG Sindorme Hoteles fronte ao Cifa Patín Coruña (4-0). A pesar da boa tempada, na que o equipo se colocou na primeira posición dende a terceira xornada e xa non a abandonou, o adestrador do Liceo Cerceda laiábase de non ter podido facerse coa Copa do Príncipe, á que segundo o técnico coruñés, "non chegamos no noso mellor momento".[5]
O club foi creado o 13 de xuño de 2009[6] logo de que o segundo equipo do H.C. Liceo acadase o ascenso á O.K. Liga ao finalizar a tempada 2008-09. Debido a que non poden competir dous equipos dun mesmo club na mesma categoría, fundouse o Clube Patín Cerceda, ao cal o Liceo lle cedeu a súa praza na máxima categoría do hóckey. Moitos dos xogadores do Liceo B asinaron co novo equipo, e outros xogadores novos reforzaron o equipo.
En setembro de 2009, o novo Patín Cerceda presentou a primeira edición do Torneo de Cerceda, un torneo triangular que contou coa presenza do HC Liceo (subcampión da OK Liga), a UD Oliveirense, e o propio Patín Cerceda.[7] Poucos días antes do inicio da OK Liga, o Patín Cerceda presentábase ante a súa afección fronte ao Liceo na primeira edición do torneo.[8]
Artigo principal Tempada 2009-2010 do C.P. Cerceda
A tempada 2009-10 foi a primeira tempada do CP Cerceda na OK Liga, a máxima categoría do hóckey a patíns do Estado español. O equipo construído para debutar na OK Liga estivo formado sobre a base do grupo que conseguira o ascenso o ano anterior, reforzándose cos xogadores do CP Voltregà Xavi Malián e Santi Teixidó, Martín Barrós procedente do Patín Coruña, e Pablo Cancela do Vigo Stick.[9][10] Os xogadores que integraron o equipo cercedense na súa primeira tempada na elite foron os porteiros Xavi Malián e Martín Barrós, e os xogadores de pista Jaime Piñeyro, Eduard Lamas, José Ramón, Tito Torres, Pepe Barreiro, Santi Teixidó, Pablo Cancela e Toni Pérez, contando cun número importante de xogadores nas categorías inferiores da selección no ano do seu debut, así como xogadores como Lamas ou Toni Pérez, que se proclamaran campións do mundo sub-20 en Bassano (Italia) en 2009.[6][11]
O debut na OK Liga do Cerceda debía ter lugar no Pavillón Deportivo de Cerceda fronte ao C.E. Noia Freixenet, mais o partido suspendeuse,[lower-alpha 4][14] polo que o debut do Cerceda na OK Liga adiouse ata o 11 de outubro fronte ao GEiEG Sindorme Hoteles de Girona nun partido no que os galegos comezaron perdendo para finalmente conseguir a primeira vitoria da tempada (5-4), anotando o coruñés Pablo Cancela o primeiro gol do equipo como local.[lower-alpha 5][12][16]
O mal inicio da liga, que levou ao equipo galego a finalizar a primeira volta da liga na penúltima posición da táboa con 9 puntos (dúas vitorias, tres empates e 10 derrotas),[17] impediulles aos cercedenses manteren a categoría, a pesar de seren un dos mellores equipos da segunda volta e ata chegaren á derradeira xornada con opcións de manteren a categoría. O equipo dirixido por Juan Copa xogou a derradeira xornada de liga fronte ao Sather Blanes con opcións á permanencia conseguindo o empate e que o PAS Alcoi perdera e o Lleida Llista Blava non gañara.[18][19] Malia gañar en Blanes por tres goles a catro, o Cerceda viuse condenado ao descenso de categoría polas vitorias do Alcoi e o GEiEG.[19]
No verán de 2010 o club independizouse totalmente do Liceo, do cal dependía no plano xestor (Eduardo Lamas, presidente do Liceo exercía as funcións de asesor do equipo cercedense), a pesar de que a nivel federativo xa eran clubs independentes dende 2009.[20][21] A separación definitiva do club cercedense do Liceo levouno a unha galeguización do equipo cunha política de equipo de canteira e de xogadores da comarca, esta aposta por ser o referente dos novos xogadores galegos levou á creación dun equipo xuvenil.[22]
O Patín Cerceda iniciou a tempada 2010-11 como o equipo menos goleador nas primeiras xornadas.[23] O equipo mantivo as súas opcións de clasificarse para a Copa do Príncipe que se celebraría en febreiro en Pamplona ata a derradeira xornada da primeira volta,[24] aínda que finalmente o equipo non conseguiu a última praza en xogo que se disputaba na 15ª e última xornada da primeira volta, que foi parar ao Club Patín Alcobendas.[25] Con todo, finalmente o club cercedense non puido conseguir o ascenso ao finalizar na sexta posición con 51 puntos, seis menos que o terceiro clasificado que marcaba a última praza de ascenso, cun rexistro de 16 vitorias, 3 empates e 11 derrotas.[26]
Na tempada 2011-12 o Cerceda partía como un dos favoritos ao ascenso.[27] Aínda que os xogadores de Juan Copa comezaron gañando os seus dous primeiros partidos fronte a Vilafranca e Ordes,[28] o equipo entrou a partir da terceira xornada nunha dinámica negativa, non sendo quen de conseguir unha nova vitoria ata a décima xornada (6-2 fronte ao Raspeig), e tan só puido colleitar sete vitorias e outros tantos empates fronte a 16 derrotas en toda a liga, o que o colocou na 14ª posición dun total de 16 equipos con 28 puntos.[29] O equipo despediu a xornada cunha contundente derrota (11-6) en Alcobendas.[30]
O 8 de xaneiro de 2013, a Real Federación Española de Patinaxe anunciou no seu sitio web que Cerceda acollería a VII edición da Copa do Príncipe os días 16 de 17 de febreiro dese mesmo ano, e na que participaron os tres mellores equipos da Primeira División logo da primeira volta da competición, xunto co Patín Cerceda.[31] O Cerceda enfrontouse nas semifinais ao Club Patí Vilafranca (que chegaba como líder da categoría á cita copeira), vencendo por tres goles a dous.[32] Con todo, na final o equipo dirixido por Juan Copa non puido co Mataró (5-7) nun Pavillón González Laxe cheo.[33]
Na tempada 2012-13 o CP Cerceda conseguiu retornar á máxima categoría do hóckey a patíns do Estado español tres anos despois. Os cercedenses comezaron as primeiras xornadas da competición sen coñecer a derrota e mantiveron a regularidade ao longo de toda a tempada. Finalmente o equipo asegurouse o ascenso de xeito matemático na penúltima xornada tras derrotar por 5 goles a 3 na casa ao CP Alcobendas nun partido que comezou por detrás no marcador (0-2) e ao que lle deu a volta.[27][34] Na derradeira xornada de competición o Cerceda derrotou ao Sant Cugat a domicilio (2-5), conseguindo deste xeito alzarse co título de Primeira División.[35]
Na tempada do seu regreso á OK Liga, o Cerceda conseguiu clasificarse por primeira vez na súa historia para disputar a Copa do Rei na cidade catalá de Lleida. O equipo de Juan Copa conseguiu a súa clasificación logo dunha boa primeira volta na que finalizou na sétima posición da táboa, conseguindo seis vitorias, cinco empates e catro derrotas para un total de 23 puntos. O Cerceda chegou á última xornada da primeira volta tendo que remontar un gol average de sete goles en contra ao Noia Freixenet, e fíxoo cunha goleada na casa fronte ao C.P. Vilanova (12-1), o que deixou ao equipo de Sant Sadurní d'Anoia fora da competición copeira.[lower-alpha 6][36] O Cerceda debutou na competición copeira o 28 de febreiro fronte ao Club Patí Vic,[37] nun partido moi disputado que se decantou do lado dos de Osona grazas a un solitario gol de Titi Roca na segunda parte, aínda así, Martín Payero tivo a oportunidade de empatar o mesmo a falta de once segundos para a conclusión do partido, mais a bóla estrelouse contra o largueiro, dando o pase a semifinais ao equipo de Vic.[38] Na liga, o Cerceda finalizou na novena posición logo de derrotar na derradeira xornada ao Vilanova (3-10), conseguindo a última praza para disputar a segunda competición continental de hóckey a patíns, a Copa CERS, a costa do histórico Club Patí Voltregà.[39][40]
O 6 de setembro de 2014 celebrouse o sorteo da primeira rolda da Copa CERS en Lisboa, no que por primeira vez estivo o Patín Cerceda, sendo o quinto concello con menos habitantes de entre os representados na competición. No sorteo, o Cerceda evitou aos conxuntos españois ao non poder emparellarse dous equipos do mesmo país na primeira rolda de competición,[41] os cercedenses foron emparellados co Oliveirense portugués. O debut na segunda competición continental do Patín Cerceda tivo lugar no Pavilhão Dr. Salvador Machado de Oliveira de Azeméis o 18 de outubro de 2014. O debut do cadro galego non foi bo, xa que o equipo luso adiantouse no marcador aos 19 segundos por mediación de Diogo Silva e, aínda que Mantiñán conseguiu reducir distancias pouco antes do descanso, o Oliveirense anotou un novo tanto que deixou o marcador 3-1 no descanso, diferenza que se ampliou na segunda parte para deixar o electrónico no 6-3 definitivo.[42][43] No partido de volta os lusos dominaron o marcador en todo momento, cun claro 0-3 ao descanso, e a reacción inicial da segunda parte foi neutralizada por Gonçalo Alves (4-1), para concluír o partido con 2-5 no marcador que puña punto e final á primeira andaina europea do Patín Cerceda.[44] Na OK Liga o equipo realizou o mellor inicio da súa historia, conseguindo 13 puntos nas primeiras sete xornadas de competición,[45] o que lle permitiu clasificarse por segundo ano consecutivo para a Copa do Rei que se celebrou en Blanes (Xirona). No partido de cuartos da competición copeira os cercedenses non puideron superar ao Liceo da Coruña e caeron por un contundente 8-1 (5-1 ao descanso) nun partido no que os herculinos xa gañaban 3-0 no minuto seis da primeira metade.[46]
O 24 de outubro de 2015 o equipo cercedense comezou a súa segunda participación na Copa CERS fronte ao ASD Pattinomania Matera no Sportintenda de Matera (Italia), que no momento lideraba a Serie A1 italiana.[47] No partido de ida o equipo de Juan Copa caeu por 5-1 en terras italianas, tendo que remontar catro goles no González Laxe para pasar á segunda rolda, unha remontada histórica que faría pasar da primeira rolda de competición aos cercedenses por primeira vez na súa historia.[48] Con todo, o Patín Cerceda acabou caendo tamén na súa casa por 2-3, nun partido igualado ao descanso (1-1), e no que o equipo galego plantou cara en todo momento ao conxunto italiano.[49]
Na liga, o equipo dirixido por Juan Copa conseguiu a permanencia a falta de tres xornadas para a conclusión da liga logo dunha dura tempada na que o equipo chegou a ocupar os postos de descenso, pero na que chegou á recta final con opcións de clasificarse para a Copa CERS por terceiro ano consecutivo.[50] De entre os mellores momentos do equipo na tempada 2015-16 salientou a segunda vitoria fronte ao Liceo da Coruña, o equipo do que xurdira o club cercedense, por 5-4, reeditando así a vitoria sobre os herculinos da tempada precedente.[51]
En xullo de 2016 o Patín Cerceda víase obrigado a renunciar á súa praza na máxima categoría do hóckey a patíns español, a pesar de que a conseguira manter na cancha grazas á reacción do equipo na fase final do campionato, logo da cal o equipo conseguiu finalizar na undécima posición. Os motivos da renuncia foron principalmente económicos, cando o corpo técnico comezou a preparar a seguinte tempada. Nun comunicado no que fixo pública a súa renuncia, o club agradeceu o apoio recibido nos seus seis anos de existencia:[52][53]
“ | Queremos aproveitar para agradecer ao Concello de Cerceda, ás institucións e patrocinadores que fixeron posible co seu apoio que este proxecto deportivo se mantivera durante seis tempadas (...) Queremos tamén lembrar e agradecer a todos os xogadores que pasaron polo club todos estes anos, a súa adicación e inesquecible contribución. Ao corpo técnico, adestradores, médicos, preparadores físicos a súa enorme axuda. E especialmente, a toda esa xente que desinteresadamente se involucrou neste proxecto (...) ao público que acudiu estes anos ao Pazo de Deportes Presidente González Laxe e conseguiu que ditas tempadas sexan inesquecibles. | ” |
— Mundo Deportivo, 15 de xullo de 2016[53] |
O comunicado finalizaba xa a xeito de despedida:[53]
“ | Esperamos que este proxecto teña achegado o seu gran de area ao hóckey a patíns galego para seguir medrando e que os nosos acertos e erros poidan servir para que outros recollan o testigo e continúen facéndonos a todos gozar deste marabilloso deporte. | ” |
— Mundo Deportivo, 15 de xullo de 2016 |
Deste xeito o Patín Cerceda disolvíase por motivos económicos logo de sete anos de existencia, nos que xogou catro tempadas OK Liga, a máxima categoría do hóckey a patíns español, e chegou a competir en dúas ocasións na segunda competición máis importante de Europa a nivel de clubs, a Copa CERS.[54]
Dende a súa primeira tempada o Club Patín Cerceda vestiu como primeira equipación unha camisola a raias vermellas e brancas con pantalón azul.[55] Nas segundas equipacións, empregou camisolas verdes escuras e pantalóns negros,[56] así como camisolas brancas e pantalón azul.[57]
O escudo do equipo representaba sobre un rectángulo azul claro, e sobresaíndo lixeiramente del, unha figura con patíns e un stick de hóckey co corpo azul e unha camisola a raias vermellas e brancas sobre o texto "Patín Cerceda", á esquerda da figura ten tamén a palabra "club".[lower-alpha 7] As palabras "club" e "Cerceda" aparecían en azul máis escuro, mentres que "patín" estaba escrita sobre o fondo azul claro en letras brancas.[58] Nas primeiras tempadas do club unha das rodas dun dos patíns era de cor verde, como a cor predominante da equipación do Liceo da Coruña, aínda que posteriormente todas as rodas dos patíns do escudo pasaron a ser de cor vermella.
O Club Patín Cerceda xogaba os seus partidos como local no Pavillón Deportivo de Cerceda, un recinto situado na avenida Fernando González Laxe, cunha pista de parqué e unhas dimensións de 40×20 metros. O pavillón cercedense contaba cunha capacidade para 600 persoas nas bancadas, durante as tempadas que o Patín Cerceda xogou como local.[1] O pavillón acolleu en 2013 a sétima edición da Copa do Príncipe de hóckey a patíns, na que o equipo local conseguiu o subcampionato.[33]
Un dos principais obxectivos do club foi o traballo coa base e darlle saída no primeiro equipo aos xogadores saídos da canteira, chegando a ser o dominador das categorías inferiores do hóckey a patíns galego.[59]
Entre os logros do equipo xuvenil salientan os dous campionatos da Liga Galega e os dous subcampionatos de España conseguidos de xeito consecutivo nas tempadas 2010-11 e 2011-12, ademais o equipo proclamouse campión da Fase Sector Norte na tempada 2011-12. Pola súa banda, o equipo júnior conseguiu dous campionatos da Liga Galega nas tempadas 2010-11 e 2011-12 e un subcampionato na tempada 2012-13, mentres que nos Campionatos de España conseguiu dous subcampionatos nas tempadas 2011-12 e 2013-14, e dous cuartos postos (2010-11 e 2012-13), ademais o equipo proclamouse campión da Fase Sector Norte na tempada 2010-11.[60]
Tempada | Categoría | Posto |
---|---|---|
2009/10 | OK Liga | 13º |
2010/11 | 1ª División | 6º |
2011/12 | 1ª División | 14º |
2012/13 | 1ª División | 1º |
2013/14 | OK Liga | 9º |
2014/15 | OK Liga | 6° |
2015/16 | OK Liga | 11° |
Tempada | Rolda | Opoñente | Ida | Volta |
---|---|---|---|---|
2014/15 | Dezaseisavos de final | UD Oliveirense | 6-3 | 5-2 |
2015/16 | Dezaseisavos de final | ASD Pattinomania Matera | 5-1 | 3-2 |
O equipo do Patín Cerceda que disputou a OK Liga na tempada 2015-16, a última da historia do club, foron os seguintes:[61]
Nº | Nome | Posición | Data de nacemento | Nacemento | País | Equipo anterior | Incorporación |
---|---|---|---|---|---|---|---|
1 | Martín Rodríguez Garaboa | Porteiro | 17-08-1994 | A Coruña | Galicia | CP Cerceda | 2014 |
2 | Adrián Candamio García | Dianteiro | 14-02-1996 | Culleredo | Galicia | HC Liceo | 2015 |
3 | Íñigo Artacho Mendioroz | Defensa-Medio | 16-12-1996 | Logroño | España | HC Liceo | 2015 |
4 | Joan Grasas | Defensa | 09-06-1980 | Barcelona | España | Blanes HC | 2013 |
5 | Pablo Fernández Blanco | Dianteiro | 14-12-1982 | A Coruña | Galicia | A.A. Dominicos | 2014 |
6 | Jacobo García Becerra | Defensa-Medio | 27-03-1990 | A Coruña | Galicia | A.A. Dominicos | 2015 |
7 | Martín Payero | Dianteiro | 09-09-1977 | San Juan | Arxentina | A.C. Ordes | 2012 |
8 | Pablo Togores Sanmartín | Medio | 21-08-1985 | A Coruña | Galicia | A.A. Dominicos | 2014 |
9 | Jacobo Mantiñán Barral | Dianteiro | 04-06-1985 | A Coruña | Galicia | HC Borbolla | 2010 |
10 | Willy Domínguez | Porteiro | 17-04-1979 | Barcelona | España | SHUM Maçanet | 2013 |
14 | Arcadio García-Tizón Borrás | Dianteiro | 05-09-1981 | A Coruña | Galicia | CP Cerceda | 2014 |
19 | Alejandro López Rodríguez | Dianteiro | 31-01-1994 | A Coruña | Galicia | CP Cerceda | 2014 |
12 | Manuel Varela Canosa | Porteiro | 27-01-1994 | A Coruña | Galicia | CP Cerceda | 2014 |
O primeiro capitán do Patín Cerceda foi o ordense José Ramón López, que procedente do equipo que logrou o ascenso á OK Liga como Cerceda Liceo iniciou como capitán a andaina do novo club na tempada 2009-10, ocupando o posto ata a súa saída do club en 2014.[62][63] A partir da tempada 2014-15 sucedeuno no posto o barcelonés Joan Grasas, que chegara ao club no verán de 2013.[64][65]
O Patín Cerceda caracterizouse por acoller a un gran número de xogadores galegos, especialmente logo da súa separación definitiva do HC Liceo. Moitos destes xogadores tiñan pasado liceísta e vestiron a camisola da selección española nas súas categorías inferiores. Algúns dos xogadores destacados do Patín Cerceda ao longo das sete tempadas nas que estivo en competicón foron:[66]
|
O máximo goleador da historia do Club Patín Cerceda é o arxentino Martín Payero cun total de 116 goles, incluíndo os 36 tantos anotados na súa primeira tempada no club cando este militaba na Primeira División, sendo ademais a tempada que máis goles anotou coa camisola cercedense.[67] Outros xogadores que salientaron no eido anotador foron David Torres con 75 goles ou José Ramón con 72,[68][69] ou Toni Pérez con 43 goles na única tempada na que xogou no Cerceda, que o levaron a converterse no segundo máximo goleador da OK Liga.[70][71]
No verán de 2015 o Patín Cerceda asinou un acordo polo cal a empresa madrileña sticksypatines.es pasaba a ser a provedora oficial do equipo.[72]
Nas últimas campañas de existencia do club o seu principal patrocinador foi o portal galego de hóckey a patíns Hockey Global, pasando a denominarse o club Hockey Global Patín Cerceda.[73] Ademais o club recibiu axudas de institucións como o Concello de Cerceda ou a Deputación da Coruña, así como de empresas como Estrella Galicia ou ABANCA.[74] Nos seus inicios o equipo portaba na súa camisola unicamente o patrocinio do Concello de Cerceda, e posteriormente Deporte Galego xunto coa marca Galicia.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.