Clasificación dos virus
From Wikipedia, the free encyclopedia
A clasificación dos virus é o proceso de darlle nome aos virus e situalos nun sistema taxonómico. De xeito similar aos sistemas de clasificación utilizados para os organismos celulares, a clasificación dos virus está sometida a diversas propostas e debates en marcha. Isto débese principalmente á natureza pseudoviva dos virus, que son partículas non vivas pero con algunhas características químicas similares ás dos organismos vivos. Os virus non encaixan claramente nos sistemas de clasificación biolóxica establecidos para os organismos celulares.
Os virus clasifícanse principalmente polas súas características fenotípicas, como a súa morfoloxía, tipo de ácido nucleico, modo de replicación, organismos hóspede, e tipo de doenza que causan. Actualmente hai dous esquemas principais que se utilizan na claificación dos virus: o sistema do ICTV e a clasificación de Baltimore, que sitúan a cada virus nun dos sete posibles grupos que se estableceron. Acompañando a este método de clasificación hai tamén convencións de nomenclatura específicas e directrices de clasificación establecidas polo Comité Internacional de Taxonomía de Virus (International Committee on Taxonomy of Viruses, ICTV).