Centro de reacción fotosintético
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un centro de reacción fotosintético é un complexo de varias proteínas, pigmentos e outros cofactores que xuntos executan as reaccións de conversión de enerxía primarias da fotosíntese. As excitacións moleculares, xa sexa as orixinadas directamente pola luz solar ou as transferidas como enerxía de excitación a través dos sistemas antena captadores de luz, dan lugar a reaccións de transferencia de electróns ao longo da ruta dunha serie de cofactores unidos a proteínas. Estes cofactores son moléculas que absorben luz (tamén chamadas cromóforos ou pigmentos) como a clorofila e a feofitina, así como quinonas. A enerxía do fotón utilízase para excitar un electrón dun pigmento. A enerxía libre creada utilízase entón, a través dunha cadea de aceptores de electróns próximos, para a transferencia de átomos e hidróxeno (en forma de protóns e electróns) desde a H2O ou o sulfuro de hidróxeno ata o dióxido de carbono, producindo finalmente glicosa (na fase escura da fotosíntese). Estes pasos de transferencia de electróns teñen como resultado final a conversión da enerxía dos fotóns en enerxía química.