composto químico From Wikipedia, the free encyclopedia
A carnitina [2][3] é un composto de amonio cuaternario biosintetizado a partir dos aminoácidos lisina e metionina.[4] Nas células vivas, requírese para o transporte de ácidos graxos desde o citosol á mitocondria durante a degradación dos lípidos para a xeración de enerxía metabólica.[5][6][7] Tamén está dispoñible como suplemento nutricional. A carnitina foi descuberta como un factor de crecemento para os vermes da carne (larvas do escaravello Tenebrio molitor) e foi inicialmente denominada vitamina Bt. Hai dous estereoisómeros da carnitina: A súa forma bioloxicamente activa é a L-carnitina, en tanto que o seu enantiómero, D-carnitina, é bioloxicamente inactivo.[8]
Nos animais a biosíntese da carnitina ocorre principalmente no fígado e riles a partir dos aminoácidos lisina (a través da trimetillisina) e metionina.[9] A vitamina C (ácido ascórbico) é esencial para a síntese de carnitina. Durante o crecemento [10] ou o embarazo,[11] os requirimentos de carnitina poden exceder a súa produción natural.
Nos humanos e outros animais, a L-carnitina obtense tanto de dieta coma da biosíntese endóxena.[12][13] A ruta de biosíntese da carnitina está moi conservada en moitos eucariota e algúns procariotas.[14][15][16]
A L-carnitina biosintetízase a partir da Nε-trimetillisina.[17] Na ruta están implicados polo menos catro encimas, que son: Nε-trimetillisina hidroxilase, 3-hidroxi-Nε-trimetillisina aldolase, 4-N-trimetilaminobutiraldehido deshidroxenase e γ-butirobetaína hidroxilase. Funcionan da seguinte maneira:
A carnitina transporta grupos acilo de cadea longa de ácidos graxos desde o citosol á matriz mitocondrial para que sexan degradados na beta-oxidación dos ácidos graxos a acetil-CoA para obter enerxía utilizable a través do ciclo do ácido cítrico. Nalgúns organismos, como os fungos, o acetato utilízase no ciclo do glioxilato para a gliconeoxénese e a formación de carbohidratos. Os ácidos graxos deben ser activados antes de unirse á molécula de carnitina para formar acilcarnitina. Os ácidos graxos libres no citosol únense por enlace tioéster ao coencima A (CoA). Esta reacción é catalizada polo encima acilo graxo-CoA sintetase e completada por unha pirofosfatase inorgánica.
O grupo acilo graxo que leva o CoA pode agora ser transferido á carnitina, e a acilcarnitina resultante transpórtase á matriz mitocondrial. Isto ocorre por medio dunha serie de pasos similares:
Algúns trastornos xenéticos humanos, como a deficiencia de carnitina primaria, a deficiencia de carnitina palmitoiltransferase I, a deficiencia de carnitina palmitoiltransferase II e a deficiencia de carnitina-acilcarnitina translocase, afectan a diferentes pasos deste proceso.[43]
A carnitina aciltransferase I presenta inhibición alostérica polo malonil-CoA (un intermediato na síntese de ácidos graxos) para impedir a formación dun ciclo fútil entre a β-oxidación e a síntese de ácidos graxos.
Conforme o ser humano envellece a concentración de carnitina nas células diminúe, o que afecta ao metabolismo de ácidos graxos en varios tecidos. Os ósos son especialmente afectados, xa que requiren a continua acción reconstrutiva e metabólica dos osteoblastos para o mantemento da masa ósea.
Hai unha estreita relación entre os cambios nos niveis plasmáticos de osteocalcina e a actividade dos osteoblastos e unha redución dos niveis plasmáticos de osteocalcina é un indicador dunha actividade reducida dos osteoblastos,[44] o cal parece que subxace na osteoporose das persoas vellas e das mulleres menopáusicas. A administración dunha mestura de carnitina ou propionil-L-carnitina pode incrementar as concentracións séricas de osteocalcina dos animais así tratados, mentres que os niveis de osteocalcina sérica tenden a decrecer coa idade nos animais control.[45]
As carnitinas exercen unha acción antioxidante substancial, proporcionando deste modo un efecto protector contra a peroxidación de lípidos das membranas fosfolipídicas e contra o estrés oxidativo inducido nas células endoteliais e do miocardio.[46]
A carnitina utilízase principalmente para tratar problemas cardíacos. Varios ensaios clínicos atoparon que a L-carnitina e a propionil-L-carnitina poden utilizarse xunto co tratamento convencional para a anxina de peito para poder reducir a medicación convencional e mellorar a capacidade das persoas con anxina de faceren exercicio sen sentiren dor no peito.[47][48] Hai poucas evidencias sobre que a carnitina teña un efecto positivo despois dun ataque ao corazón. Algúns estudos suxiren que as persoas que toman L-carnitina poden ter menos probabilidade de sufrir posteriormente outro ataque de corazón ou sufrir dor de peito ou arritmias.[49] Porén, outros estudos non atoparon que se producisen beneficios similares,[50] polo que se require unha maior investigación deste asunto.
Como os riles producen carnitina, as enfermidades renais poden orixinar unha deficiencia de carnitina no corpo. Así, a carnitina pode prescribirse para persoas con enfermidades renais.[51]
O uso da carnitina mostrou ser prometedor en ensaios controlados en casos seleccionados de infertilidade masculina ao mellorar a calidade do seme.[52] A suplementación con L-carnitina tamén mostrou ser beneficiosa no tratamento do varicocele, unha das principais causas de infertilidade masculina.[53]
"Aínda que a L-carnitina foi comercializada como un suplemento dietético para a perda de peso, non hai evidencias científicas que mostren que facilita a perda de peso; porén, algúns estudos mostran que a carnitina oral reduce a masa graxa, incrementa a masa muscular, e reduce a fatiga. Todos estes efectos poden contribuír indirectamente á perda de peso."[54] Ademais, as investigacións feitas no século XX que non encontraron que o contido de carnitina muscular podía ser incrementado pola suplementación na dieta, puideron obter este resultado en parte porque utilizaron períodos de suplementación de duración inadecuada.[55] En 2011, as investigacións que usaron suplementación na dieta de L-carnitina L-tartarato durante seis meses nun estudo ben controlado demostraron non só un incremento da carnitina muscular en suxeitos sen deficiencias de carnitina, senón tamén un impacto no metabolismo e rendemento muscular; porén, neste estudo non se tomaron medidas de oxidación de lípidos, polo que se necesitarán máis estudos.[56]
A suplementación regular de L-carnitina, contribúe ao metabolismo enerxético e mellora a función dos neurotransmisores no cerebro nos pacientes anciáns.[57]
No tratamento da toxicidade por valporato "a suplementación con L-carnitina ...pénsase que produce beneficios, especialmente en pacientes con hiperamonemia, encefalopatía, e hepatotoxicidade."[58] Porén, serán precisos máis ensaios, xa que o beneficio obtido é en gran medida teórico, e non se pode considerar probado no actual estado das investigacións.
Os niveis de L-carnitina son menores do normal en nenos con asma persistente moderada. Os nenos asmáticos que recibiron suplementación de L-carnitina durante seis meses mostraron unha mellora estatisticamente significativa na súa proba de control da asma e nas súas probas da función pulmonar.
As altas doses do axente quimioterápico ifosfamida, debido á súa potencial nefrotoxicidade, poden causar perda urinaria de carnitina. Un estudo suxire que como é esencial para a produción de enerxía nas mitocondrias, a L-carnitina pode ter un papel na redución da fatiga asociada aos tratamentos anticancerosos con ifosfamida.[59]
A L-carnitina é un antagonista periférico da acción das hormonas tiroides. Inhibe a entrada de triiodotironina e tiroxina no núcleo da célula. Por medio de ensaios aleatorios, Benvenga et al. atoparon que de 2 a 4 g de L-carnitina oral diarios podían reverter os síntomas do hipertiroidismo mesmo nos casos máis serios de hipertiroidismo (tormenta tiroide). Suxiren que como o hipertiroidismo fai diminuír os depósitos de carnitina nos tecidos, hai unha razón para usar L-carnitina polo menos en certos casos clínicos. Ao mesmo tempo, o feito de que a carnitina non poida impedir as recaídas do hipertiroidismo apoia ademais o concepto de que a acción da carnitina ten lugar na periferia e non na glándula tiroide.[60]
As maiores concentracións de carnitina encóntranse na carne vermella e nos produtos lácteos. Outras fontes naturais de carnitina inclúen noces e sementes, hortalizas, froitas, e cereais.
Produto | Cantidade | Carnitina |
---|---|---|
Bisté de vacún | 100 g | 95 mg |
Carne picada de vacún | 100 g | 94 mg |
Porco | 100 g | 27.7 mg |
Touciño entrefebrado | 100 g | 23.3 mg |
Tempeh (feito de soia) | 100 g | 19.5 mg |
Bacallau | 100 g | 5.6 mg |
Peituga de polo | 100 g | 3.9 mg |
Queixo americano | 100 g | 3.7 mg |
Xeados | 100 ml | 3.7 mg |
Leite enteiro | 100 ml | 3.3 mg |
Aguacate | unha metade | 2 mg[61] |
Requeixo | 100 g | 1.1 mg |
Pan de trigo completo | 100 g | 0.36 mg |
Espárrago | 100 g | 0.195 mg |
Pan branco | 100 g | 0.147 mg |
Macarróns | 100 g | 0.126 mg |
Manteiga de cacahuete | 100 g | 0.083 mg |
Arroz cocido | 100 g | 0.0449 mg |
Ovos | 100 g | 0.0121 mg |
Zume de laranxa | 100 ml | 0.0019 mg |
En xeral, inxírense diariamente de 20 a 200 mg nas dietas omnívoras, e nas dietas vexetarianas ou veganas a inxestión pode ser de 1 mg/día.[61]
Outras fontes poden encontrarse en preparados vitamínicos á venda, bebidas enerxéticas e outros produtos.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.