Capitalismo
sistema económico / From Wikipedia, the free encyclopedia
O capitalismo[1] é unha orde ou sistema social e económico que se atopa en constante movemento, derivado do usufruto da propiedade privada sobre o capital como ferramenta de produción, que se atopa maiormente constituído por relacións empresariais vinculadas ás actividades de investimento e obtención de beneficios, así como de relacións laborais tanto autónomas como asalariadas subordinadas a fins mercantis.[2] Máis especificamente o capitalismo é un sistema económico dominado polo capital e non polo traballo.
No capitalismo, os individuos e as empresas usualmente representadas polos mesmos, levan a cabo a produción de bens e servizos de forma privada e interdependiente, dependendo así dun mercado de consumo para a obtención de recursos.[3] O intercambio dos mesmos realízase basicamente mediante comercio libre e, polo tanto, a división do traballo desenvólvese de forma mercantil e os axentes económicos dependen da procura de beneficio.[4] A distribución organízase, e as unidades de produción fusiónanse ou separan, de acordo a unha dinámica baseada nun sistema de prezos para os bens e servizos.[5] Á súa vez, os prezos fórmanse maioritariamente nun mercado que depende da interacción entre unha oferta e unha demanda dadas polas eleccións de produtores e consumidores,[6] e estes, son necesarios para a coordinación ex-post dunha economía baseada no intercambio de mercadorías.[7]
A orixe etimolóxica da palabra capitalismo provén da idea de capital e o seu uso para a propiedade privada dos medios de produción, [8][9] con todo, relaciónase maiormente ao capitalismo como concepto co intercambio dentro dunha economía de mercado que é a súa condición necesaria,[10][11] e á propiedade privada absoluta[12] ou burguesa[13][14] que é o seu corolario previo.[15][16] A orixe da palabra pode remontarse a antes de 1848 pero non é ata 1860 que chega a ser unha corrente como tal e recoñecida como termo, segundo as fontes escritas da época.[17]
O termo foi introducido pola economía marxista para referirse ós sistemas económicos modernos nos que os medios de produción pertencían ó capital,[8][9] mentres os traballadores foran "expropiados" deles e non tiñan a súa propiedade. O sistema capitalista, segundo o marxismo, baséase na apropiación da plusvalía xerada polos traballadores por parte dos capitalistas, grazas precisamente ó seu control dos medios de produción. A plusvalía, na terminoloxía marxista, non debe ser confundida co beneficio. A plusvalía é o valor producido polos traballadores e que non se aplica á reprodución do sistema económica, isto é, a manter activos ós traballadores, a manter os procesos produtivos en marcha e a garantir a súa mellora no tempo. A plusvalía pertence ó traballador porque a "creou" co seu traballo. Porén, no capitalismo pasa ás mans dos empresarios.
Denomínase sociedade capitalista a toda aquela sociedade política e xurídica orixinalmente baseada nunha organización racional do traballo, o diñeiro e a utilidade dos recursos de produción, caracteres propios daquel sistema económico.[18] Na orde capitalista, a sociedade está formada por clases socioeconómicas no canto de estamentos como son propios do feudalismo e outras ordes pre-modernas.[19] Distínguese daquel e doutras formas sociais pola posibilidade da mobilidade social dos individuos, por unha estratificación social de tipo económica,[20] e por unha distribución da renda que depende case enteiramente da funcionalidade das diferentes posicións sociais adquiridas na estrutura de produción.[21]
O nome de sociedade capitalista adóptase usualmente debido a que o capital como relación de produción convértese dentro desta nun elemento economicamente predominante.[22] A discrepancia sobre as razóns deste predominio divide ás ideoloxías políticas modernas: o enfoque liberal smithiano céntrase na utilidade que o capital como relación social prové para a produción nunha sociedade comercial cunha ampla división do traballo, entendida como causa e consecuencia da mellora da oferta de consumo e os maiores ingresos por vía do salario respecto do traballo autónomo,[23] mentres que o enfoque socialista marxista considera que o capital como relación social é precedido (e logo retroalimentado) por unha institucionalizada imposibilidade social de sobrevivir sen relacionarse cos propietarios dun maior capital físico mediante o intercambio de traballo asalariado.[24]
A clase social conformada polos creadores e/ou propietarios que provén de capital á organización económica a cambio dun xuro[25] descríbella como "capitalista", a diferenza das funcións empresariais cuxo éxito se traduce en forma de ganancia[26] e das gerenciais executadas a cambio dun salario.[27] Vulgarmente descríbese desde o século XVIII como "burguesía" tanto a este conxunto social como ao dos empregadores de traballo dunha moderna sociedade industrial, pero a burguesía orixínase nas cidades da sociedade rural medieval e está constituída por propietarios autoempregados cuxa natureza dá orixe ao capitalismo moderno.[28]