Calendario republicano francés
calendario empregado entre 1792 e 1806 durante a Revolución francesa / From Wikipedia, the free encyclopedia
O calendario republicano francés (en francés: Calendrier républicain) é un calendario proposto durante a Revolución francesa e adoptado pola Convención Nacional, que o empregou entre 1792 e 1806. O deseño intentaba adaptar o calendario ao sistema decimal e eliminar as referencias relixiosas; o ano comezaba o 22 de setembro, coincidindo co equinoccio de outono no Hemisferio Norte.[1]
O calendario republicano foi deseñado polo matemático Charles-Gilbert Romme, membro da Convención, coa axuda dos astrónomos Joseph Jerôme de Lalande, Jean-Baptiste Joseph Delambre e Pierre-Simon Laplace, aínda que se lle adoita atribuír notable participación ao actor e dramaturgo Fabre d'Églantine, quen lles deu os nomes aos meses e aos días.[2]
Naceu así por decreto da Convención Nacional Francesa do 5 de outubro de 1793, e o calendario foi adoptado pola Convención Nacional controlada polos xacobinos o 24 de outubro de 1793. Fixouse o seu inicio o 22 de setembro de 1792, coincidindo coa proclamación da República no Jeu de Paume. Dese xeito, o calendario comezou un ano antes de ser finalmente adoptado, o día do inicio da nova era de Francia, e o período de setembro de 1792 a setembro de 1793 foi denominado "Ano 1 da Revolución".
O calendario foi de aplicación civil en Francia e nas súas colonias americanas e africanas ata que Napoleón aboliu o seu uso oficial o 1 de xaneiro de 1806 (de feito este día correspondeu á media noite do 10 de nivoso do ano XIV, é dicir, o 31 de decembro de 1805, pouco máis de 12 anos despois de ser introducido) como un xeito oportuno de eliminar os signos de democracia republicana.
Napoleón autoproclamárase Emperador dos franceses en decembro de 1804 e creara a nova nobreza imperial durante o ano 1805, ambos os conceptos incompatibles coa natureza deste calendario, así como para reconciliarse cos católicos e co papado, dos que conseguiu unha certa tolerancia ao devolver as festividades civís e relixiosas da igrexa católica co novo calendario, ademais de cuestións prácticas como as vantaxes de utilizar o calendario gregoriano que case todo o resto de Europa empregaba daquela.
Este calendario volveuse implantar brevemente tras o derrocamento de Napoleón en 1814, e foi usado tamén pola efémera Comuna de París de 1871.