Código internacional de navegación marítima
From Wikipedia, the free encyclopedia
O código internacional de navegación marítima utiliza bandeiras para transmitir mensaxes, ora entre dous ou máis barcos, ora entre un barco e a terra ou o porto. Existen bandeiras de diferentes formas e cores, de maneira que cada unha representa unha letra do alfabeto internacional, así como os números do 1 ao 0.
Cando un barco necesita transmitir unha mensaxe consistente en unha ou varias palabras ou números, iza no mastro dianteiro as bandeiras que representan as letras e números da mensaxe, aliñadas de arriba para abaixo. Se a mensaxe é máis longa, repetirase a operación con novas bandeiras.
Tamén se utilizan as bandeiras individualmente ou en combinacións de dúas, e neste caso teñen un significado determinado segundo un código internacionalmente vixente.
Desde que existe a radio, o uso das bandeiras de sinais para transmitir mensaxes diminuíu notabelmente. No entanto, séguense utilizando de forma xeneralizada as bandeiras individuais ou en combinacións de dúas ou máis, para sinalizar un aviso determinado. Deste xeito na Armada española segue a existir a figura do sinaleiro, que realiza os seus labores en contacto directo coa ponte de mando do navío. Determinadas sinalizacións son neste corpo de obrigado cumprimento, como por exemplo o aviso de práctico a bordo.
Tamén acostuman ser usadas para engalanar ao navío na celebración de actos festivos. Nese suposto as bandeiras adoitan ser izadas desde a proa ata a popa.