![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/3/38/Gray882.png/640px-Gray882.png&w=640&q=50)
Célula ganglionar da retina
tipo de neurona / From Wikipedia, the free encyclopedia
As células ganglionares da retina ou simplemente células ganglionares, son un tipo de neuronas que se encontran preto da superficie interna da retina do ollo humano, na chamada capa de células ganglionares, e noutros animais. Reciben información visual procedente dos fotorreceptores por medio de dous tipos de neuronas intermediarias: células bipolares da retina e células amácrinas. As células amácrinas da retina, que son células de campo especialmente estreito, son importantes para crear subunidades funcionais dentro da capa de células ganglionares e ao facelo as células ganglionares poden detectar un pequeno punto movéndose a gran distancia.[1] As células ganglionares en conxunto transmiten información visual formadora de imaxes e non formadora de imaxes desde a retina en forma de potenciais de acción a varias rexións do tálamo, hipotálamo e mesencéfalo ou cerebro medio.
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/3/38/Gray882.png/320px-Gray882.png)
As células ganglionares varían significativamente en tamaño, conexións e respostas á estimulación visual, pero todas comparten a propiedade definitoria de teren un axón longo que se estende ata o cerebro. Estes axóns forman o nervio óptico, o quiasma óptico e o tracto óptico.
Unha pequena porcentaxe das células ganglionares contribúen pouco ou nada á visión, pero son elas mesmas fotosensibles, polo que se chaman células ganglionares fotosensibles. Os seus axóns forman o tracto retinohipotalámico e contribúen a establecer os ritmos circadianos e o reflexo pupilar á luz, que fai variar o tamaño da pupila.
Os seis tipos de neuronas da retina son: células bipolares, células ganglionares, células horizontais, células amácrinas, bastóns e conos.