From Wikipedia, the free encyclopedia
Célestin Freinet (Gars, Alpes Marítimos, 15 de outubro de 1896[1][2] - Vence, Alpes Marítimos, 8 de outubro de 1966[2]) foi un mestre e pedagogo francés, creador das "Técnicas Freinet".[2] Atribúeselle a xestación do chamado "materialismo escolar", partindo da filosofía krausista e marxista. Propón a autoxestión, cooperación e solidariedade entre o alumnado a través da introdución da imprenta na escola, o texto libre e o método natural de lectura e escrita.[3] Foi o creador en 1928 da Cooperativa de Ensino Laico e da Escola proletaria, precedentes do Movemento da Escola Moderna de Freinet. Diferentes sectores de educadores e analistas considérano fundador da escola moderna-sindicalista. A súa obra máis coñecida naquel momento foi A imprenta na escola. Louis Legrand, un dos seus máis documentados biógrafos, sostén que Freinet "ábrenos no terreo da pedagoxía o camiño da razón e o corazón".[4]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 15 de outubro de 1896 Gars, Francia |
Morte | 8 de outubro de 1966 (69 anos) Vence, Francia |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Francia |
Actividade | |
Ocupación | sindicalista , membro da resistencia francesa , esperantista , pedagogo |
Lingua | Esperanto e lingua castelá |
Obra | |
Obras destacables | |
Familia | |
Cónxuxe | Elise Freinet |
Ao comezo do século XXI, existen diversos colexios e institucións de elite que levan o seu nome ou anuncian as técnicas Freinet, na súa maioría baixo a coordinación da FIMEM.[5]
Non podedes preparar aos vosos alumnos para que constrúan mañá o mundo dos seus soños, se xa non creedes neses soños; non podedes preparalos para a vida, se non creedes nela; non poderiades mostrar o camiño, se vos sentastes, cansados e desalentados na encrucillada dos camiños.Célestin Freinet (1974)
Nacido nunha familia campesiña na Provenza francesa, na súa infancia foi pastor. Tras estudar en Grasse entre 1913 e 1919, ingresou na escola normal de mestres de Niza. Mobilizado durante a Primeira guerra mundial con apenas 19 anos, foi ferido gravemente nun pulmón, do que nunca se recuperou completamente. Recibiu a Lexión de Honra e tivo catro anos de convalecencia.[4]
En 1920 iniciouse como mestre de escola en Bar-sur-Loup, nos Alpes Marítimos. Nese período comeza a desenvolver a súa faceta activista pedagóxica con propostas como a imprenta na escola. Tamén comeza a publicar artigos na prensa profesional e política, e a participar nos congresos internacionais da chamada "Escola Nova".[4] Nesas reunións toma contacto con docentes franceses como Bovet, Cousinet, Ferrière e Claparède. Tamén le os clásicos da pedagoxía contemporánea para preparar as oposicións á inspección primaria, que con todo non aprobou. Decepcionado quizais, decide apartarse tanto da pedagoxía tradicional como da nova e a pesar da súa admiración pola obra de Ferrière.[4]
En Gars, o seu lugar de nacemento, crea unha cooperativa de traballadores para electrificar a poboación e convértese nun activista sindical nas filas do Partido Comunista, militancia que lle permite en 1925 viaxar á URSS cunha delegación sindical e coñecer alí a Krupskaia, Ministra de Educación e esposa de Lenin.[4]
Freinet estivo influído polas correntes obreiras e socialistas de comezo do século XX. De aí a súa militancia sindicalista e a base marxista do seu discurso, as críticas á sociedade capitalista e as súas propostas dunha "Educación polo Traballo, dunha Escola do Pobo e dunha Pedagoxía Popular e Moderna".[6] Todo iso en clara resonancia coa Escola Nova. Aínda que os aspectos fundamentais de orientación pedagóxica de Freinet constitúen unha dura crítica á escola tradicional, tamén realiza críticas á Escola Nova, considerando que goza dunhas condicións económicas e ambientais moi favorábeis das que están privadas a maioría das escolas públicas.[6]
En marzo de 1926 casa con Élise Lagier-Bruno, institutriz e artista, en Saint-Martin-de-Queyrières (unión da que nacerá unha filla, Madeleine, en agosto de 1929). En 1928, o matrimonio instálase temporalmente en Saint-Paul-de-Vence, onde Élise foi trasladada, e continúan desenvolvendo o corpo central da súa pedagoxía: a imprenta, a correspondencia interescolar, a cooperativa escolar e, a nivel nacional, a Cooperativa de Ensino Laico (CEL) que chegaría a converterse nunha verdadeira empresa de produción de material e edición de documentos pedagóxicos. Freinet xa é coñecido tanto a nivel nacional como internacional polos congresos nos que participaba ou organizaba.[4]
En 1927 publica o libro "A imprenta na escola" e crea no marco da Cooperativa de Ensino Laico (CEL), conxuntamente coa aprobación dos seus estatutos, un boletín chamado "L’imprimerie à l’école" que en principio é mensual[7]. Posteriormente cambia a súa periodicidade a quincenal e en 1932 cambia o seu nome por "L'educateur prolétarien"[8]. Neste marco realizábanse anualmente congresos chegando a ter mil asociados en 1935.[9]
A orixe da escola libre experimental sitúase entre 1934 e 1935, cando Freinet pon en marcha unha escola en Vence, con apoio comunista. O alumnado é na súa maioría interno e pertencente ás capas sociais desfavorecidas ou a familias en apuros. Ao empezar a segunda guerra mundial, é considerado perigoso debido á súa militancia comunista e é internado nun campo de concentración, aínda que máis tarde sae en liberdade e únese ao maquis do Briançonnais, que máis tarde chegaría a dirixir. Concluída a guerra, preside o Comité de Liberación dos Altos Alpes e renova a súa actividade en Vence.[4]
En 1948 a Cooperativa de Ensino Laico transfórmase no Instituto da Escola Moderna, que se traslada a Cannes. En 1953 Freinet foi expulsado do Partido Comunista, como disidente.[4] Nese período reforza o sistema de coordinación do traballo pedagóxico e didáctico dos seus discípulos, creando o Institut Coopératif de l'École Moderne (ICEM), que tivo o seu reflexo internacional en 1958, coa fundación da Federación Internacional de Movementos de Escola Moderna (FIMEM).[10]
Célestin Freinet faleceu en Vence oito días antes de cumprir os 70 anos de idade. O seu proxecto foi continuado pola súa compañeira Élise Freinet (1898-1983).[4]
Aínda que a difusión das técnicas pedagóxicas de Freinet foi tan ampla como diversa, poden mencionarse algúns continuadores, por exemplo, en España, e durante o florecente período republicano, a Cooperativa Española da Imprenta na Escola, creada por Herminio Almendros e María Cuyás Ponsa, inspectores de ensino, e xerme da Revista Colaboración que organizaría varios congresos, algúns deles coa presenza de Freinet como ocorreu na Escola de Verán de Barcelona de 1933.[11]
Por mor da Guerra Civil Española e do proceso de persecución e aniquilación dunha pedagoxía progresista emprendido polo franquismo e a Igrexa católica española, moitos dos mestres e mestras no exilio difundiron as técnicas de Freinet en Latinoamérica. En España, segue a súa pedagoxía o Movemento Cooperativo de Escola Popular (MCEP), que pertence á FIMEM (Federación Internacional de Movementos de Escola Moderna).[12]
Seguindo o testemuño de Élise Freinet, durante o período vivido en Bar-sur-Loup, Célestin experimentou dúas fases de "iluminación pedagóxica", interiorizando e superando a súa propia experiencia tras a Gran Guerra e o movemento para o novo modelo educativo que proporía. O grande descubrimento ou a clave de orixinalidade –común a case todos os movementos pedagóxicos contemporáneos de Freinet– foi "a necesidade imperiosa, física e psicolóxica, de saír da aula para ir buscar a vida na rica contorna do campo veciño e a artesanía aínda existente: a clase-paseo".[4] Sobre esta base, Freinet desenvolveu un abanico de actividades para estimular "a libre expresión infantil, a cooperación e a investigación da contorna".[4] A natureza axudaría ao pedagogo a elaborar unhas claves de traballo[13]. Un exemplo levado ao cine é o filme de José Luis Cuerda, A lingua das bolboretas (1999), que reflicte a actividade dun mestre e o seu alumnado entregados á observación da natureza.
As principais técnicas descritas ao longo da súa obra son:[14][15][16][17]
A base das técnicas Freinet é o método natural, é dicir, ofrecer un ambiente favorábel ao descubrimento continuado, no que se reflicta a vida cotiá do alumnado e sexa posíbel a expresión libre, o intercambio e o contraste de ideas nunha institución que eles mesmos conforman. Outra das claves do desenvolvemento destas técnicas é a creación de talleres dedicados ao traballo manual. Todo iso nunha liña pedagóxica de actitude investigadora, incentivando a curiosidade polo que rodea ao alumnado, salvagardando o respecto polas propias realizacións e as dos demais, e autoxestionando o bo uso dos materiais como soporte da aprendizaxe.[14]
Aínda que Freinet fixo referencias a diversos autores e autoras contemporáneos e mesmo colaborou con eles en actividades, publicacións e congresos, para xustificar ou reforzar as súas propostas pedagóxicas, toda a súa produción nace da práctica docente e todas as súas técnicas son solucións a problemas da praxe da aula.
Non cabe esperar que Freinet producise textos académicos nos que teorizase formalmente a filosofía da súa práctica. Non hai dúbida de que Freinet leu e escribiu moito. Describiu o seu pensamento e acción en libros como L'education du travail (1949), Les dits de Mathieu (1949), L'essai de psychologie sensible appliquée à l'éducation (1950), L'ecole moderne française (1957), etc. Nos últimos anos da súa vida quixo incorporar ao seu movemento a teóricos da investigación docente, entre os que me atopaba eu mesmo, ao redor dunha revista, Techniques de Vie, que tivo unha vida efémera. En conxunto, a súa obra é concreta, pintoresca e afectiva.Louis Legrand (1993)
Freinet entende a pedagoxía como unha ciencia dinámica en constante diálogo coa vida que debe incorporar os adiantos e trocos que se producen permanentemente como consecuencia da evolución humana, dos descubrimentos científicos e das creacións culturais.
Freinet evolucionou continuamente e alimentouse das grandes correntes de pensamento da súa época, que asimilou e, sobre todo, transformou. Así ocorreu por exemplo coa reflexoloxía (véxase Élise Freinet, 1977, páx. 143), a cibernética, o ensino programado e o estruturalismo. A súa cultura no momento da súa formación como mestre e cando preparaba as oposicións a inspector xa era moi ampla. Serao máis aínda, cando con ocasión da celebración de congresos, trate a Ferrière, Decroly, Cousinet, Claperède, Dottrens, Wallon, Barbusse, Politzer e outros. Pero entre o principio, probabelmente marxista, e o final da súa vida, inspirado ao parecer por Teilhard de Chardin, que longo camiño percorrido!Louis Legrand (1993)
No plano máis teórico e como base psicolóxica da súa proposta educativa, Freinet estimula a idea de "tenteo experimental". Considera que as aprendizaxes prodúcense a partir das propias experiencias, da manipulación da realidade que poden realizar os nenos e nenas, da expresión das súas vivencias, da organización do contexto (ambientes) no que o alumnado poida formular e expresar as súas experiencias. Debe considerarse a funcionalidade do traballo, crear institucións que impliquen que o traballo escolar teña un sentido, unha utilidade, unha función. Outra das achegas é o principio de cooperación, que exixe a creación dun ambiente na aula no que existan elementos mediadores na relación docente-alumnado.
A expresión máis clara e profunda da teoría en que se basean as técnicas Freinet é a formulada no seu Essai de psychologie sensible (1950): trátase do "tenteo experimental" que, ao seu xuízo, sintetiza o esencial das súas técnicas. A escola serve desde logo para aprender, pero a aprendizaxe non se pode realizar mediante unha intervención exterior ao alumno: "Non se pode obrigar a beber a un cabalo que non ten sede". O esencial debe proceder do propio alumno. Agora ben, a necesidade de saber nace do obstáculo, da descontinuidade da evidencia, da falta de comprensión e da busca do que permitirá comprender. Para que esta indagación sexa eficaz, ten que ser espontánea e movida pola necesidade interior do que busca, e ela mesma non pode estar libre de erro. Tenteando, probando, volvendo sobre a proba infrutuosa para rectificala, o neno e o adulto aprenden verdadeiramente. Á teoría clásica das probas e os erros que coñeceu a través de Pavlov, Freinet engade dous puntos fundamentais: por unha parte, a proba ten que facerse para responder a unha necesidade; por outra parte, o éxito supón a memorización espontánea do proceso e a súa repetición ulterior en situacións parecidas, o que constitúe toda a esencia da aprendizaxe.Louis Legrand (1993)
A aprendizaxe da lectura é un dos primeiros descubrimentos de Freinet que rompe coa pedagoxía tradicional excesivamente racionalista (desde a perspectiva adulta) e que o induce a propor o método natural, defendendo o sentido común xerado da experiencia docente e da vida cotiá dos cativos e cativas. A lecto-escrita é o eixe vertebrador de boa parte das técnicas que deseñou e practicou como o texto libre, a revista escolar, a correspondencia escolar e o xornal mural.
O interese fundamental pola comunicación conducirá a unha práctica orixinal da "aprendizaxe da lectura". En Francia, entre as dúas guerras mundiais practicouse a técnica da construción sintética. Dos sons á letra, das letras á sílaba, das sílabas á palabra e das palabras á frase. Para esta aprendizaxe das simples combinacións utilízanse taboleiros ante os que os alumnos deben "descifrar" en coro: B-A: BA, etc. As palabras utilizadas son as que nacen desta produción sintética: "papá", "pipa", etc. Os textos que se leen son artificiais e "infantís", en todo caso totalmente alleos á vida real afectiva. O problema fundamental reside en pasar desta ximnasia formal á lectura de verdadeiros textos. Segundo Freinet, esta técnica supón a morte do espírito. Ler é buscar o sentido do que se lee. Por isto infórmase con interese das técnicas e as teorías de Decroly: a percepción do texto non é sintética, letra tras letra, senón global, segundo establece a "psicoloxía da forma". A base da "lectura global" é a aprendizaxe que vai das palabras, percibidas e recoñecidas globalmente, á sílabas, produto da descomposición das palabras mediante o recoñecemento das similitudes, até chegar aos sons descubertos da mesma maneira analítica. A partir de aí pódese pasar á composición de palabras novas e á escrita. Deste xeito defínese un método analítico-sintético que Freinet descubre e no que se inspirará, aínda que superando a perspectiva orixinal. O acceso ao texto escrito debe ser ante todo unha busca do seu sentido. Seguindo as intuicións de Rousseau, Freinet considera que o texto é ante todo o produto dunha vontade de comunicación e non esquece a necesidade de facilitar os coñecementos que faltan nos momentos adecuados.Louis Legrand (1993)
Freinet tamén aborda co método natural outra das dificultades escolares tradicionais: as matemáticas. Para iso utiliza de novo as experiencias diarias, familiares e próximas dos rapaces e rapazas recollendo as súas propostas a partir das conversas e dos debates que se producen nas asembleas. Esta dinámica grupal e comunicativa permite motivar o alumnado implicándoo na selección dos contidos que se tratan na aula, identificar os temas habituais nas súas vidas cotiás, determinar os seus coñecementos e xerar un sentimento de aproveitamento e utilidade das aprendizaxes desenvoltas.
A aprendizaxe do cálculo sufrirá a mesma transformación radical. Para Freinet, o cálculo ten que ser un instrumento de acción sobre as cousas. Serve para medir os campos, pesar os produtos, calcular o prezo, os xuros que se deben ou se cobran. Todo iso xustifica a actividade aritmética, en vez do acceso descarnado aos números e as operacións.Louis Legrand (1993)
A cooperativa é unha das estratexias que se foi incorporando e mesmo institucionalizando entre todos os docentes e centros practicantes das técnicas Freinet. Permite unha estratexia organizativa, unha fonte de financiamento, unha oportunidade de participación e unha posibilidade de aprendizaxe.
A imprenta, o diario escolar, a correspondencia interescolar e as visitas distantes precisan diñeiro e nos municipios pobres non se pode esperar cartos do concello. É preciso por tanto atopar a maneira de obter financiamento. A cooperativa escolar nacerá desta dobre exixencia: motivar o cálculo e facer funcionar os obradoiros da escola. Diso dedúcese naturalmente que a cooperativa se converte en lugar de reflexión, de elaboración de proxectos, de adopción de decisións, de contabilidade e de estimación de posibilidades. O seu funcionamento require a elección do responsábel e reunións periódicas de debate e control. Deste modo, as técnicas de comunicación escolar convértense en instrumento dunha formación cívica pola acción, e non pola palabra, en institucións distantes ás que unicamente o funcionamento diario da institución escolar dará un significado concreto.Louis Legrand (1993)
O conxunto da obra de Freinet foi recompilado por Georges Piaton e publicado na Pensée pédagogique de Célestin Freinet (Tolosa, Editorial Privat, 1974) onde lle dedica medio centenar de páxinas reunindo mil setecentos títulos, na súa maioría artigos.[4]
Jean-Paul Lle Chanois dirixiu en 1949 L'École buissonnière, longametraxe de 99 minutos estreado aquel ano en Francia, con guión do propio Lle Chanois, a partir dunha sinopse de Élise Freinet. O filme tivo como intérpretes principais a Bernard Blier, Juliette Faber, Édouard Delmont e Edmond Ardisson.[18] A acción transcorre en 1920, nunha aldea da Provenza, onde o señor Pascal, mozo mestre recentemente chegado ao lugar, fai radicais cambios sobre a metodoloxía tradicional do seu predecesor: "escoita aos nenos, inspírase nos seus descubrimentos, ponos en contacto coa natureza e dá valor ás capacidades de cada un".[18]
Outro exemplo similar pode atoparse na Lingua das bolboretas, dirixida en 1999 por José Luis Cuerda.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.