Bulé
From Wikipedia, the free encyclopedia
Nas cidades de Grecia Antiga a Bulé (en grego Βουλή, tamén transcrito por Boulé) era unha asemblea restrinxida de cidadáns encargados dos asuntos correntes da cidade. O seu nome, a miúdo, foi traducido por «Consello», e máis raramente, por «Senado».
En Atenas chamábase Bulé o consello do Areópago, ata que Solón creou o Consello dos Cincocentos. Clístenes ampliou o número de buleutas até 500, número que se conservará posteriormente. Estes elíxense anualmente por sorteo entre os cidadáns de máis de trinta anos e reciben unha paga de cinco óbolos. Son o verdadeiro órgano de goberno da democracia e gozan das funcións deliberativa, administrativa e xudicial.
Na Ilíada, relatando a Guerra de Troia suponse desenvolvida na época arcaica, a Bulé é a asemblea dos xefes gregos que debaten, á chamada de Agamenón, sobre cuestións de estratexia e de goberno. Deste tipo de estrutura de nobres aconsellando a un rei máis poderoso, a denominación da Bulé evoluciona para designar diferentes institucións, con poderes variábeis, segundo os réximes políticos e as épocas. Así como nos réximes oligárquicos o cargo de buleuta era hereditario, na Atenas democrática e as súas émulas, era outorgado por sorteo. A maioría das bulái son descoñecidas, só a Bulé ateniense está descrita por abundantes fontes históricas (e especialmente a Constitución dos atenienses atribuída a Aristóteles e aos seus discípulos do Liceo, cuxa redacción sería sobre o -330).