From Wikipedia, the free encyclopedia
Georges-Louis Leclerc, conde de Buffon, nado en Montbard o 7 de setembro de 1707 e finado en París o 16 de abril de 1788, foi un naturalista, matemático, biólogo, cosmólogo e escritor francés.
A localidade de Buffon, no departamento de Côte-d'Or, foi o señorío da familia Leclerc.
Buffon pretendeu compendiar todo o saber humano sobre o mundo natural na súa obra en 44 volumes Histoire naturelle. O seu enfoque influíu na Enciclopedia de Diderot e as súas ideas tamén o fixeron sobre as seguintes xeracións de naturalistas, e en particular sobre Jean-Baptiste Lamarck, Georges Cuvier e Charles Darwin.
Buffon naceu en 1707 no castelo de Montbart, xunto a Semur, nunha familia de ricos e altos funcionarios.
Tras estudar no colexio de dos xesuítas de Dijon, licenciouse en dereito en 1726. Preferindo as ciencias, contrariando á súa familia, foi a estudar matemáticas e botánica a Angers en 1728.
Alí leu a Newton, e seguiu cursos de medicina pero, despois de matar nun duelo a un oficial croata, viuse obrigado a abandonar a universidade e refuxiarse en Dijon e despois en Nantes.
En Nantes reencontrou ao Duque de Kingston, un aristócrata inglés que percorría Europa como viaxe de licenciatura xunto ao seu preceptor. Comezou unha estreita amizade con el e decidiu seguilo no seu periplo, que os levou a La Rochelle, Bordeos, Tolosa, Béziers e Montpellier, e despois a Italia, onde pasaron por Turín, Milán, Xénova, Florencia e Roma, aproveitando a viaxe para acumular libros.
De volta a Francia foi elixido membro da Academia de Ciencias de Francia, con só 27 anos, e despois Gardián dos Xardíns Reais (máis tarde Jardin des Plantes) en París, desde 1739.
Daquela, contando trinta e dous anos, pedíuselle que fixera unha descrición metódica das coleccións conservadas no gabinete real, o que impulsou a súa dedicación á Historia Natural durante os corenta e nove anos seguintes que lle quedaban de vida, distribuíndo o seu tempo entre París e Montbart.
Durante este período transformou os xardíns reais nun museo e centro de investigación, ampliando o parque considerabelmente coa inclusión de numerosas plantas e árbores procedentes de todo o mundo.
En 1773 foille outorgado o título de Conde de Buffon.
Morreu en París en 1788.
A obra máis célebre de Buffon é a súa Historia natural, xeral e particular (Histoire naturelle, générale et particulière) en 36 volumes publicados entre 1749 e 1788 e con 8 volumes adicionais publicados á súa morte (por Lacépède).
Esta obra engloba o coñecemento do mundo natural até aquela data, excluíndo as plantas, os insectos, os peixes e os moluscos. As descricións de animais non foron probabelmente escritas por el, xa que estas descricións aburríano e as confiaba a miúdo aos seus colaboradores, reservando para si as grandes visións de conxunto e as hipóteses acerca da estrutura do mundo e da organización gradual e as transformacións sucesivas da materia inanimada ou a vivente. O verdadeiro Buffon debe buscarse na Teoría da Terra e nas Épocas da Natureza.[1]
Buffon expuxo as súas ideas sobre xeoloxía en Historia e teoría da Terra, publicada en 1744, un tratado que viña a constituír o principio da súa Historia natural. Este discurso, non moi extenso, vai seguido de Probas distribuídas en dezanove artigos que constitúen unha especie de expediente xustificativo, xa que Buffon distingue entre teoría (historia onde só figuran feitos demostrados e debidamente comprobados) e sistema (hipótese incomprobábel acerca das orixes).
El pretende escribir só teoría. En canto á materia xeolóxica, a desorde da Terra é só aparente, xa que a terra se deposita en forma de estratos, atribuíndo esta estratificación á obra da auga, tanto a do mar como a do ceo que, por medio da erosión, desfai a orde estratificada pola auga mariña. Esta explicación que atribúe as modificacións da paisaxe á acción exclusiva da auga denomínase neptunismo. Pero, a partir de 1745, data da primeira das Probas, engade a esta explicación a formación polo lume, hipótese chamada vulcaniana ou vulcanismo. Máis tarde recoñeceu que o lume era o axente principal das transformacións xeolóxicas e desenvolveu magnificamente esta hipótese nas súas Époques de la Nature (1778).
Cando Buffon publicou Les Époques de la Nature contaba xa setenta e un anos, polo que constitúe o seu testamento intelectual e unha síntese de todos os seus traballos. Na introdución afirma que quere anotar os cambios sucesivos da Natureza. Establece sete épocas segundo os feitos, os monumentos e as tradicións.
Soslaia os tropezos que lle ofrecían os textos relixiosos afirmando que a interpretación da Xénese non debe ser literal e que os seis días de que fala Moisés son precisamente as seis épocas por el descritas. "A verdadeira gloria do home é a ciencia, e a paz a súa verdadeira felicidade".
As ideas de Buffon non estiveron exentas de controversia. En particular, a súa longa disputa con Thomas Jefferson e outros estudosos estadounidenses ao estar el convencido de que en América prevalecía un estado de evolución retardada, tanto para as plantas e os animais como para os indíxenas. Tamén sostivo unha curiosa polémica por correspondencia con Lord Monboddo quen, en contra da opinión de Buffon, insistía na proximidade do parentesco de homes e simios.
En Les Époques de la Nature Buffon estuda a orixe do Sistema Solar, especulando que os planetas poderían terse formado pola colisión sucesiva de cometas contra o Sol.
Tamén suxeriu que a idade da Terra debía de ser bastante máis elevada que os 6 000 anos proclamados pola Igrexa, calculados a partir da Biblia remontándose até o Xénese. Baseándose na taxa de arrefriamento do ferro fundido, calculou que a idade da Terra sería duns 50 000 anos.
Por estas aseveracións foi xulgado pola Igrexa Católica de Francia, e debeu retractarse da súa teoría no segundo volume da súa Histoire Naturelle. Finxindo inxenuidade e manifestando a súa fe intacta, a Sorbona acabou por declararse satisfeita e abandonou a persecución en abril de 1751, a cambio dunha vaga promesa de contrición. Prudente (tiña bastante que perder), preferiu retractarse que solicitar axuda aos seus protectores nun conflito que podería volverse na súa contra, e ante o cal poderían deixalo só. Así e todo Voltaire, que o respectaba moitísimo, non compartía todas as súas opinións científicas sobre este asunto e acabaría distanciándose del.
A partir diso, non se fiaría máis da Igrexa, sen volver por outra banda a enfrontarse con ela directamente, o que sería un grave erro táctico. Contentouse con esquivala habilmente. Así, por exemplo, elixiu un confesor pusilánime, ao que trataba como un criado a cambio de que se fixera o cego.
Proseguiu as súas investigacións, facendo construír esferas de metal nas súas propias forxas, para experimentar a súa teoría, e afinando os seus cálculos, chegando a unha cifra para a idade da Terra de 75 000 anos, publicando os seus resultados en idade avanzada e xa sen temor da Igrexa.
En matemáticas Buffon é recordado pola súa teoría da probabilidade e o problema clásico da agulla de Buffon. Trátase de lanzar unha agulla sobre un papel no que se trazaron rectas paralelas distanciadas entre si de maneira uniforme. Pódese demostrar que se a distancia entre as rectas é igual á lonxitude da agulla, a probabilidade de que a agulla cruce algunha das liñas é do 98,8 %
Sobre literatura Buffon escribiu un ensaio, o Discurso sobre o estilo, composto para o seu ingreso na Academia Francesa, para a que foi elixido sen que presentase a súa candidatura. Eloxia as calidades intelectuais do estilo: unidade, plan, claridade. Distingue o estilo do orador, que é elocuente e pretende animar as paixóns, do do escritor que se dirixe ao espírito, para o cal o estilo debe ser "a orde e o movemento no pensar". A orde interesa por riba de todo e sempre hai que seguir algún plano ou método; incluso parece que o movemento mesmo nace da orde, e hai que evitar todo canto sexa afectación, elixindo as expresións con delicadeza e gusto e desbotando os tecnicismos, axustando o ton á natureza do asunto. "Escribir ben é á vez pensar ben, sentir ben e expresarse ben; é posuír á vez enxeño, alma e gusto". Só o estilo pode salvar unha obra do esquecemento, porque os coñecementos e os descubrimentos transpórtanse con facilidade: "estas cousas están fóra do home, pero o estilo é o home mesmo; o estilo non pode roubarse nin transportarse".
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.