From Wikipedia, the free encyclopedia
Bigato (en latín: bigatus) é a denominación dun tipo específico de denario, moeda de prata da Antiga Roma, caracterizado por levar nos seus reversos unha biga ou carruaxe tirada por dous cabalos e conducida por unha divindade romana.[1]
A tipoloxía dunha moeda de prata caracterizada pola imaxe dunha carruaxe pon o bigato en relación tipolóxica co cuadrigato, emitido tamén en tempos da República, que toma o seu nome pola presenza dunha cuadriga nos seus reversos.[2]
Os bigatos comezaron a cuñarse na primeira década do século II a. C. como unha alternativa ao vitoriato, e algúns investigadores numismáticos consideran que non circulou máis alá do 190 a. C. Estas emisións foron tan numerosas que, nalgunhas fontes de época imperial, este termo chegou a utilizarse para designar, en xeral, a todos os denarios republicanos.[3]
Os primeiros bigatos levaban unha representación da deusa Luna na súa carruaxe de dous cabalos, e mantivéronse en uso en paralelo aos cuadrigatos ata 170 a. C., cando os denarios foron temporalmente suprimidos. Unha segunda serie de bigatos representaba a Vitoria na súa biga, probabelmente para conmemorar o dominio de Roma logo da batalla de Pidna, en Tesalónica.[4] Tácito e Plutarco mencionan unha estatua de Vitoria nunha biga.[5][6]
O establecemento da data de cuñaxe dos primeiros bigatos é complicado por mor do uso impreciso da palabra bigatus (e o plurar bigati) por historiadores e literatos latinos como Tito Livio, quen ao escribir acerca dos acontecementos de 216 a. C. (antes de que se coñeza que estas moedas existisen), utiliza a palabra para se referir xenericamente ás moedas de prata expoliadas na Gallia Cisalpina e en Hispania.[7] O termo bigati era utilizado adoito nos estudos desta época no sentido de denarii, e non referíndose ao tipo específico.[8][9]
Na súa obra etnográfica Germania, Tácito (56 a. C. - 117 a. C.) sinala que, malia que a maioría dos pobos xermánicos dependesen aínda nese tempo do troco, os que se asentaban ao longo das fronteiras do Imperio mantiñan relacións comerciais e utilizaban a moeda, aínda que só confiaban no valor das "antigas e ben coñecidas" como os bigati e os serrati (como se denominaba aos denarios con bordos dentados)[10]:[11]
“ | (...) Pecuniam probant veterem et diu notam, serratos bigatosque (...) | ” |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.