Bedřich Smetana
compositor checo / From Wikipedia, the free encyclopedia
Bedřich Smetana (pronunciado ˈbɛdr̝ɪx smɛˈtana (axuda · info)), nado o 2 de marzo de 1824 en Litomyšl (daquela pertencente ao Imperio austríaco e actualmente na República Checa) e finado o 12 de maio de 1884 en Praga (daquela pertencente ao Imperio Austrohúngaro e actualmente na República Checa), foi un compositor checo. Foi pioneiro no desenvolvemento dun estilo musical que quedou intimamente ligado ás aspiracións independentistas do seu país. É por iso que é recoñecido no seu país como o pai da música checa. Internacionalmente é coñecido pola súa ópera A noiva vendida e polo ciclo de poemas sinfónicos Má vlast («A miña patria») que representan a historia, lendas e paisaxes da patria natal do compositor.
- Este artigo trata sobre o compositor checo, para a crema aceda véxase Smetana (lácteo).
Smetana posuía talento natural para o piano e deu o seu primeiro recital aos seis anos. Logo de recibir unha educación convencional na escola, estudou música con Josef Proksch en Praga. Escribiu a súa primeira composición nacionalista durante o levantamento de Praga de 1848, no que participou por pouco tempo. Ante a imposibilidade de iniciar a súa carreira en Praga, dirixiuse a Suecia, onde se estableceu como profesor e director de coro en Gotemburgo e comezou a escribir obras orquestrais a grande escala. Durante este período da súa vida, Smetana casou dúas veces e tivo seis fillos, dos cales tres faleceron durante a súa infancia.
A principios da década de 1860, un clima político máis liberal en Bohemia alentou a Smetana a regresar permanentemente a Praga. Entregouse á vida musical da cidade, principalmente como defensor do novo xénero da ópera checa. En 1866 as súas dúas primeiras óperas, Braniboři v Čechách (Os brandeburgueses en Bohemia) e Prodaná nevěsta (A noiva vendida), foron estreadas no novo Teatro Provisional de Praga, alcanzando esta última unha gran popularidade. Ese mesmo ano, Smetana chegou ser o director principal do teatro, mais os anos da súa dirección estiveron marcados pola polémica. As faccións encargadas da creación musical da cidade consideraban que a súa identificación coas ideas progresistas de Franz Liszt e Richard Wagner eran hostís ao desenvolvemento dun estilo de ópera checa distintivo. Esta oposición interferiu co seu traballo creativo e puido ter acelerado a degradación da súa saúde, precipitando a súa dimisión do teatro en 1874.
A finais de 1874, aos 50 anos, Smetana volveuse completamente xordo, mais, liberado das súas funcións no teatro e a polémica que causaba, comezou un período de composición constante que se prolongou durante case todo o resto da súa vida. As súas achegas á música checa ían sendo cada vez máis recoñecidas e respectadas, mais un colapso mental a principios de 1884 conduciu ao seu internamento nun asilo e o seu posterior falecemento. A reputación de Smetana como pai fundador da música checa fortaleceuse no seu país natal, onde os seus defensores o converteron nunha icona por riba dos seus contemporáneos e sucesores. Con todo, relativamente poucas das obras de Smetana se encontran no repertorio internacional e a maioría dos expertos estranxeiros tenden a considerar a Antonín Dvořák como o compositor checo máis importante.
Smetana ten sido considerado no seu país natal como o pai da música checa.[1][2]