Atol Makemo
From Wikipedia, the free encyclopedia
Makemo é un atol das Tuamotu, na Polinesia Francesa. Está situado no centro do arquipélago, a 570 km ao nordés de Tahití. O atol ten 70 km de longo e uns 10 km de media de largo. A superficie total é de 72 km²;. A lagoa é a terceira máis grande das Tuamotu, e dispón de dous pasos navegables. A vila principal é Pouheua, e a poboación total é de 588 habitantes no censo de 1996. Dispón dunha igrexa católica, unha escola primaria e un aeroporto. A actividade principal é a perlicultura.
O atol foi descuberto polo comerciante de perlas inglés John Buyers, en 1803. Outros nomes históricos son: Philipps e Koutouzov.
Makemo é a patria do heroe lendario Moeava. A lenda explica que o famoso guerreiro namorouse de Huarei, raíña da illa Tepukamaruia. O xigante Patira púxose celoso e os dous guerreiros desafiáronse a un combate na illa de Makemo. Moeava chegou o primeiro e preparou unha fonda xigante. Cando o seu rival apareceu, escolleu unha pedra grande, redonda e lisa, fixo unha pregaria ao deus Tu, e matou a Patira dun lanzamento na cabeza. Hoxe en día, pódese ver unha enorme pedra redonda e lisa na lagoa de Makemo. É a pedra de Moeava.