Armisticio de Belgrado
1918 / From Wikipedia, the free encyclopedia
O armisticio de Belgrado asinouse entre o novo Goberno revolucionario húngaro de Mihály Károlyi e o comandante aliado nos Balcáns, o mariscal francés Louis Franchet d'Espèrey, o 13 de novembro de 1918 . O acordo, que debía regular as relacións entre o novo Goberno republicano de Hungría (aínda non recoñecido) e os Aliados, foi sistematicamente infrinxido, o que levou finalmente á renuncia do Goberno de Károlyi en marzo e á proclamación da República Soviética Húngara.
No medio da desintegración do Imperio Austrohúngaro a finais de setembro e comezos de outubro de 1918, trala vitoriosa ofensiva aliada nos Balcáns, un novo Goberno teoricamente favorable aos vencedores tomou posesión en Hungría. Este novo gabinete esperaba poder manter a unidade territorial do antigo reino húngaro. O novo Goberno declarouse independente do Imperio, pero os Aliados non recoñeceron esta declaración. A firma do armisticio de Padua entre o Imperio e os Aliados a comezos de novembro non detivo o avance das unidades aliadas en territorio húngaro.
O Goberno húngaro enviou unha delegación encabezada polo propio primeiro ministro para tratar de pactar un novo armisticio que detivese ás unidades da Entente, especialmente as dos países veciños, que desexaban anexionarse parte dos antigos territorios do Imperio.
Tras recibir as condicións aliadas en Belgrado o 6 de novembro, a delegación húngara regresou a Budapest a presentalas ao Goberno mentres as unidades serbias e checoslovacas continuaban avanzando. O 13 asinouse finalmente o armisticio, que reducía o tamaño do Exército húngaro e obrigaba á evacuación militar, pero non administrativa, de certos territorios, ademais de conceder certos dereitos militares aos Aliados e compensacións a Serbia.
Malia as promesas aliadas, nos meses seguintes os países veciños, co apoio dos políticos das minorías, foron tomando o control de distintas zonas en disputa e infrinxindo as cláusulas do armisticio; as protestas do Goberno e os seus intentos de conciliación coas minorías fracasaron. Os Estados veciños desexaban controlar os territorios antes do comezo das conversacións de paz, os Aliados non contaban coas forzas necesarias para detelos e o Goberno húngaro víase impotente para manter o control do territorio do antigo reino. As continuas cesións acabaron por minar o seu prestixio nacional e en marzo negouse a aceptar un novo retroceso da liña que separaba ás unidades militares húngaras das romanesas. O Goberno social-liberal dimitiu poñendo fin á República Popular de Hungría e deu paso a un novo Goberno social-comunista e á proclamación da República Soviética Húngara.