O alcoholismo[1] ou alcolismo[2] é unha dependencia con características de adicción ás bebidas alcohólicas. Caracterízase pola constante necesidade de inxerir substancias alcohólicas, así como pola perda do autocontrol, dependencia física e síndrome de abstinencia.
O alcoholismo supón un serio risco para a saúde que pode conducir á morte como consecuencia de afeccións de tipo hepático, hemorraxias internas, intoxicación alcohólica, accidentes ou suicidio.
O alcoholismo non está fixado pola cantidade inxerida nun período determinado de tempo: persoas afectadas por esta enfermidade poden seguir patróns moi diferentes de comportamento, existindo tanto alcohólicos que consomen a diario, como alcohólicos que beben semanalmente, mensualmente, ou sen unha periodicidade fixa. Aínda que o proceso dexenerativo tende a acurtar os prazos entre cada inxesta.
O consumo excesivo e prolongado desta substancia vai obrigando o organismo a requirir cantidades crecentes para sentir os mesmos efectos, a isto chámaselle "tolerancia aumentada" e desencadea un mecanismo adaptativo do corpo ata que chega a un límite no que se inviste a suposta resistencia e entón "asimila menos", por iso tolerar máis alcohol é en si un risco de alcoholización[3].
Tratamento do alcoholismo
Os tratamentos para poder combater o alcoholismo inclúen programas de desintoxicación realizados por institucións médicas. Isto pode supor a estancia do paciente durante un período indeterminado (quizais varias semanas), baixo tutela en hospitais especializados onde poida que se utilicen determinados medicamentos para evitar a síndrome de abstinencia. Despois do período de desintoxicación, pode someterse ó paciente a diversos métodos de terapia de grupo ou psicoterapia para tratar problemas psicolóxicos de fondo que poidan levar ó paciente á dependencia. Ademais, pódese apoiar o programa con terapias que inciten ó paciente a repugnar o alcohol mediante fármacos como o Disulfiram, que provoca fortes e repentinas resacas sempre que se consuma alcohol.
A terapia nutricional é outro tratamento. Moitos alcohólicos teñen síndrome de resistencia á insulina, unha desorde metabólica debido á cal o corpo non regula correctamente o azucre causando unha subministración inestable á circulación sanguínea. Aínda que esta desorde se pode tratar cunha dieta hipoglicémica, isto pode afectar ó seu comportamento e o seu estado anímico. Estes síntomas son efectos secundarios que se observan frecuentemente en alcohólicos sometidos baixo tratamento de desintoxicación. Os aspectos metabólicos do alcoholismo adoitan pasarse por alto dando como resultado tratamentos de dubidosos resultados.
Nos anos 90, os grupos de consultas de autoaxuda foron adquirindo notoriedade polos seus logros. Esta fama chega ata os nosos días (en 2007), sendo Alcohólicos Anónimos, quizais, o exemplo máis significativo deste movemento.
Impacto social
Os problemas sociais que se derivan do alcoholismo poden incluír a perda do posto de traballo, problemas financeiros, conflitos conxugais e divorcios, condenas por crimes tales como condución baixo a influencia do alcohol, desordes públicas ou malos tratos, marxinación, falta de respecto de xente que chega a ver o alcoholismo como un mal que o alcohólico se inflixe a si mesmo e que ven como facilmente evitable. Estudos exhaustivos, incluíndo os do doutor Wayne Kritsberg mostran que o alcoholismo non só afecta ós alcohólicos senón que pode afectar profundamente ós familiares que estean ó seu arredor. Os fillos de alcohólicos poden verse afectados ata logo de acadar a madurez. Esta situación coñécese habitualmente co nome de "The Adult Children of Alcoholics Syndrome". ALANON, un grupo formado a partir do modelo de Alcohólicos Anónimos, ofrece axuda a amigos e familiares membros de familias alcohólicas.
Nos colexios sobre todo a nivel de secundaria preséntase gravemente este problema, cada vez é máis baixa a idade en que se inician no consumo do alcohol e moitos é só para mostrar "valor" ante os seus amigos[4].
En 1963, a Organización Mundial da Saúde declarou que o alcoholismo era unha "enfermidade incurable, progresiva e mortal", e decidiu que o 15 de novembro se celebrara o Día Mundial sen Alcohol, co obxectivo de concienciar á poboación mundial dos danos físicos e psicolóxicos que provoca o consumo de alcohol, non só no ámbito persoal, individual, senón tamén a nivel social[5].
Farmacoloxía
A diferenza da desintoxicación de opiáceos como a heroína, que pode ser moi desagradable, e en raras ocasións con fatais consecuencias, deixar o alcohol pode chegar a matar ó enfermo se non ten un tratamento médico axeitado. O método farmacolóxico de desintoxicación para alcohólicos baséase no feito de que o alcohol, barbitúricos e benzodiazepinas provocan efectos bastante similares no cerebro, e polo tanto, uns poden substituír os outros. Debido a que as benzodiazepinas son as drogas máis seguras das tres, interrómpese a inxestión de alcohol que se substitúe por algunha benzodiazepina de longa duración, por exemplo o Valium® co fin de controlar a síndrome de abstinencia.
Outros fármacos que se empregan para o tratamento do alcoholismo son Disulfiram e Naltrexone. Empréganse para mellorar o acatamento do réxime de abstinencia e estándares da farmacopea tales como anti-depresivos, ansiolíticos e outros psicotrópicos que se usan para tratar desordes profundas no estado anímico, neurose e psicose asociadas ós síntomas que padecen os alcohólicos. Antigamente o alcoholismo o considerabamos como unha situación na que só se involucraban os adultos, pero na actualidade o alcoholismo nun 80% estase presentando nos adolescentes, en especial universitarios.
Cálculo do consumo excesivo de alcohol
Existe unha sinxela fórmula para pescudar se se está consumindo unha cantidade excesiva de alcohol cos prexuízos que iso supón, mediante o cálculo dos gramos de alcohol. Esta fórmula consiste en multiplicar a cantidade de bebida en ml ou cc polo número de graos de alcohol e por 0,8, e este resultado divídese entre 100 para coñecer os gramos de alcohol da bebida en cuestión.
Considérase un consumo excesivo diario, 40 gramos de alcohol en homes, debido á súa maior tolerancia ao alcohol, e 20 gramos de alcohol en mulleres.
Alcoholismo e predisposición xenética
Recentemente un estudo da Universidade de Granada titulado "Alcoholismo e drogadicción" di demostrar que existe unha predisposición xenética no desenvolvemento da enfermidade do alcoholismo debido a unha deficiencia na produción de endorfinas de carácter hereditario que podería ser un condicionante no desenvolvemento desta enfermidade.
Notas
Véxase tamén
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.