Afección (hobby)
From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha afección, tamén coñecida como hobby ou pasatempo, é unha actividade humana que ten como fin principal o entretemento da persoa que a realiza e que ocupa, normalmente, o seu tempo de lecer. Esta actividade realízase de maneira habitual e non sempre procura unha finalidade produtiva concreta. Do mesmo xeito, moitas actividades poden ter unha vertente profesional ou produtiva e outra propia da do pasatempo, así a cociña ou a programación de computadores poden ser para unha persoa unha profesión, unha afección ou, mesmo, as dúas cousas a un tempo.
Xeralmente o termo afeccionado aplícase a todas aquelas actividades practicadas sen un carácter profesional, isto é coma unha simple afección persoal. Desta maneira pódese distinguir, por exemplo, un deportista afeccionado coma aquel que practica algún deporte para pasar o tempo, daquel que o fai por motivacións económicas.