![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/4/41/Crema_gl.jpg/640px-Crema_gl.jpg&w=640&q=50)
Aditivo
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os aditivos alimentarios son substancias que se engaden intencionadamente nos alimentos e bebidas co obxectivo de modifica-los seus caracteres organolépticos (cor, sabor, textura etc.), as técnicas de elaboración (facilitando a mestura dos ingredientes ou estabilizando unha presentación), a conservación do alimento (evitando, por exemplo, a oxidación dos compoñentes) ou para mellora-la adaptación ó uso ó que van ser destinados, pero sen o propósito de modifica-lo valor nutritivo do alimento[1].
Non se consideran aditivos aquelas substancias que desaparezan durante o proceso de elaboración (neste caso denomínanse axentes auxiliares ou coadxuvantes tecnolóxicos), nin tampouco os ingredientes que compoñen un produto alimenticio (aínda que teñan acción conservante ou outra, como pode se-lo caso do sal, azucre ou vinagre, por exemplo) nin sequera cando se engaden vitaminas ou minerais para enriquece-lo valor nutritivo do alimento. Tampouco o son as substancias utilizadas como soporte, para disolver, diluír ou modificar un aditivo nin, por suposto, as impurezas ou contaminantes que poida conte-lo alimento.
Os aditivos identifícanse polo seu nome químico ou, máis normalmente, mediante un código internacional que, na Unión Europea, comeza coa letra E e segue con tres ou catro díxitos que designan cada substancia (ás veces seguidos de letras). En España utilizouse durante anos a letra H (de Hispania) para identifica-los aditivos autorizados no mercado nacional, e aínda pode verse esta codificación nalgunhas etiquetas de certos alimentos.
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/4/41/Crema_gl.jpg/640px-Crema_gl.jpg)