Adaptacións antipredadores
From Wikipedia, the free encyclopedia
As adaptacións antipredadores ou defensas contra os predadores son mecanismos desenvolvidos polos seres vivos ao longo da evolución que axudan aos organismos que son presas na súa constante loita contra os predadores. No reino animal as adaptacións evolucionaron en cada estadio desa loita, principalmente para evitar a detección, repeler un ataque, contraatacar ou escapar cando son capturadas.
A primeira liña de defensa consiste en evitar a detección, por medio de mecanismos como a camuflaxe, enmascaramento, selección apostática, vivir baixo terra ou facer unha vida nocturna.
Alternativamente, os animais presa poden repeler os ataques, anunciando a presenza de fortes defensas por aposematismo, imitando mimeticamente animais que posúen esas defensas, asustando o atacante, facendo sinais ao predador de que perseguilo non paga a pena, distracción, uso de estruturas defensivas como espiñas e vivindo en grupo. Os membros do grupo teñen un risco reducido de predación, a pesar de que o grupo é moito máis visible, por medio do melloramento da vixilancia, confusión do predador e a probabilidade de que o predador ataque outro individuo.
Algunhas especies de presas poden contraatacar aos seus predadores, sexa por medio de substancias químicas ou líquidos corporais, sexa por defensa comunal ou sexa por exectar materiais noxentos. Moitos animais poden escapar fuxindo rapidametne, correr máis ou ser máis hábiles que o seu atacante.
Finalmente, algunhas especies poden escapar incluso cando son capturadas ao sacrificar certas partes do seu corpo: os cangrexos poden desprender unha pinza, mentres que os lagartos poden desprenderse dos rabos, que adoitan distraer os seus predadores o suficiente como para permitirlles liscar.