Óperas de Claudio Monteverdi
artigo de listas da Wikimedia / From Wikipedia, the free encyclopedia
Claudio Monteverdi (1567–1643) escribiu varias obras para a escena entre 1604 e 1643, incluídas dez no xénero, daquela emerxente, da ópera. Destas, consérvase tanto a música como o libreto de tres: L'Orfeo (1607), Il ritorno d'Ulisse in patria (1640) e L'incoronazione di Poppea (1643). Coñécense outros sete proxectos operísticos; catro foron finalizados e representados en vida do compositor, mentres que abandonou outros tres nalgún momento. Dalgunhas destas óperas perdidas sobreviviu o libreto.
A ópera xurdiu durante os inicios da carreira de Monteverdi, primeiro como entretemento cortesán tratando de revivir o teatro grego.[1] A primeira obra coñecida en ser considerada unha ópera no sentido moderno é Dafne (1598) de Jacopo Peri, e a súa Euridice (1600) é a máis antiga que sobreviviu.[2] Dado que Monteverdi exerceu como compositor da corte da familia Gonzaga entre 1590 e 1612, posiblemente unírase ao duque Vincenzo Gonzaga en Florencia para a estrea o 6 de outubro de 1600 de Euridice.[3] Se ben non se coñecen as propias impresións de Monteverdi sobre a obra, o duque deuse conta do potencial desta nova forma de arte e procurou gañar prestixio patrocinándoa.[4] Polo tanto, a finais de 1606 encargou a Monteverdi unha obra que agora é considerada como o "nacemento da Ópera Occidental",[5] L'Orfeo, sobre un libreto de Alessandro Striggio o Novo.[6]
En 1613, Monteverdi converteuse en maestro di cappella na basílica de San Marcos en Venecia, onde continuou a compoñer óperas para a corte dos Gonzaga e posteriormente para o Teatro Santi Giovanni e Paolo.[7][8] As dúas únicas que sobreviviron son Il ritorno d'Ulisse in patria con libreto de Giacomo Badoaro e a súa última ópera, L'incoronazione di Poppea, sobre un libro de Giovanni Francesco Busenello. Sete das súas óperas están perdidas. Destas, L'Arianna, Andromeda, Proserpina rapita e Le nozze d'Enea con Lavinia foron completadas e representadas en vida do compositor. As outras tres óperas perdidas Le nozze di Tetide, La finta pazza Licori e Armida abbandonata, nunca foron finalizadas, polo que se descoñece canta música completou, se a chegou a haber. Para algunhas delas, sobreviviu canto menos o libreto, de autores como Scipione Agnelli, Ercole Marigliani, Ottavio Rinuccini, Giulio Strozzi e Torquato Tasso.[9]
O termo ópera non era amplamente empregado ata o século XVII, polo que as obras musicais de Monteverdi para a escena foron coñecidas por distintos nomes como favola in musica (fábula musical), dramma in musica (drama musical), ou tragedia in musica (traxedia musical).[1] Monteverdi xogou un papel decisivo no desenvolvemento e popularización do xénero para o teatro musical público, a súa obra L'Orfeo é a primeira ópera que aínda se representa regularmente.[10][11]