![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/9/90/Hyaluronan.png/640px-Hyaluronan.png&w=640&q=50)
Ácido hialurónico
From Wikipedia, the free encyclopedia
O ácido hialurónico,[1] tamén chamado hialurona ou hialuronato (desprotonado), é un heteropolisacárido aniónico, non sulfatado do grupo dos glicosaminoglicanos presente na matriz extracelular dos tecidos conectivos, epitelial, e nervioso. É único entre o grupo dos glicosaminoglicanos porque non está sulfatado, se forma na membrana plasmática e non no aparato de Golgi como os demais, e pode ser enorme, con pesos moleculares que a miúdo son de millóns de daltons.[2] É un dos compoñentes principais da matriz extracelular, e contribúe significativamente á proliferación e migración celular, e pode estar implicado na progresión dalgúns tumores malignos.
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/9/90/Hyaluronan.png/640px-Hyaluronan.png)
Unha persoa de 70 kg ten aproximadamente 15 g de ácido hialurónico no seu corpo, e un terzo do total é reciclado (degradado e sintetizado) cada día.[3] O ácido hialurónico é tamén un compoñente da cápsula extracelular das bacterias do grupo dos estreptococos A,[4] e crese que inflúe na virulencia da bacteria.[5][6]
A denominación "ácido hialurónico" procede do grego hyalos, que significa vítreo (porque foi inicialmente illado do humor vítreo) e do ácido glicurónico, que é un dos seus principais compoñentes. Porén, a molécula en condicións fisiolóxicas normais está na súa forma ionizada polianiónica, polo que moi a miúdo se lle denomina "hialurona". Finalmente, o termo "hialuronato" refírese á base conxugada do ácido hialurónico. Neste artigo utilizarase principalmente a denominación ácido hialurónico.