Órbita
traxectoria que describe un obxecto arredor de outro baixo a influencia da gravidade / From Wikipedia, the free encyclopedia
A órbita é a traxectoria que un corpo percorre arredor doutro baixo a influencia dalgunha forza (normalmente da gravidade). Segundo as leis do movemento planetario de Johannes Kepler, as órbitas son planas, xeralmente elípticas, aínda que os planetas interiores (próximos á estrela que orbitan) teñan órbitas case circulares. Máis tarde, Isaac Newton demostrou que algunhas órbitas, como as de certos cometas, son hiperbólicas e outras parabólicas. Dentro dun sistema solar, os planetas, asteroides, cometas e outros obxectos de menor tamaño percorren órbitas elípticas arredor da estrela, mentres que as lúas e outros satélites fan o propio arredor dos planetas.
Sexa cal fose a órbita seguida polo obxecto, o corpo arredor do que describen coa súa traxectoria atópase situado no foco da cónica descrita, de modo que sempre poden definirse dous puntos singulares, como o de maior afastamento ou afelio, (no caso da órbita terrestre; apoapse de xeito xenérico para calquera órbita) e o de maior aproximación ou perihelio (no caso da órbita terrestre; periapse de xeito xenérico para calquera órbita).
Xeométricamente, a órbita ven definida no espazo pola inclinación do seu plano en relación a outro de referencia, os seus focos e os seus eixes maior e menor. Astronómicamente, defínense os apoapse e periapse como os puntos máis lonxe e máis preto do corpo central, e os nodos ascendentes e descendentes como os puntos de corte da órbita ó plano de referencia, unha vez establecidos o plano de referencia para definir os elementos orbitais e o corpo central.