Tom Holland (actor)
actor británico / From Wikipedia, the free encyclopedia
Thomas Stanley Holland, nado en Londres o 1 de xuño de 1996, coñecido simplemente como Tom Holland, é un actor, actor de voz e bailarín británico. Comezou a súa carreira no teatro no ano 2008, interpretando a personaxe principal no musical Billy Elliot. Posteriormente, tras graduarse da BRIT School en 2012, debutou no cine coa película Lo imposible (2012), e logrou gran recoñecemento por parte da crítica, tras ter sido nomeado pola National Board of Review como o Actor Revelación dese ano, ademais de ter sido nomeado ós Critics' Choice Awards como Mellor Intérprete Xove.
Holland lograría máis recoñecemento tras ser seleccionado para interpretar a personaxe de Spider-Man no Universo cinematográfico de Marvel, onde protagonizou os filmes Spider-Man: Homecoming (2017) e Spider-Man: Far From Home (2019), os cales recibiron a aclamación da crítica e foron éxitos en vendas. Holland tamén interpretou a Spider-Man en Captain America: Civil War (2016), Avengers: Infinity War (2018) e Avengers: Endgame (2019), que foron igualmente ben recibidas polo público. Grazas ó seu éxito, gañou o galardón de Premios BAFTA de 2017, ademais de ser receptor de premios nos Saturn Awards e nos Teen Choice Awards. Como actor de voz, participou en filmes como Spies in Disguise (2019), Dolittle (2020) e Onward (2020).
Fóra da súa carreira como actor, Holland dedícase á filantropía, recadando diñeiro para axudar a persoas de baixos recursos no Reino Unido, especialmente familias con nenos que padecen condicións coma a dislexia e enfermidades coma o cancro.