Procesos eólicos
From Wikipedia, the free encyclopedia
En xeoloxía, os procesos eólicos son a erosión, transporte e sedimentación realizada polo vento. A erosión eólica é o desgaste das rochas ou a súa retirada do solo debido á acción do vento. O vento é un axente de modelaxe do relevo que pode acarrexar grandes cantidades de po por todo o mundo, pero os grans de area só poden ser transportados a distancias relativamente curtas. O cuarzo é o mineral máis abondoso nas partículas de area, xa que normalmente é resistente á meteorización química, á disolución e á abrasión. A erosión eólica, en realidade, é realizada pola area que arrastra o vento. A area está distribuída por toda a superficie terrestre, pero está presente particularmente nos desertos, as costas, estuarios de ríos e espazos que sufriron glaciacións. Parece que a auga puido ser o axente orixinal que ocasionou a concentración das potentes masas de area dos desertos, o vento sería o axente de redistribución e a xénese dun amplo mostrario de formas sedimentarias. Moitos dos grandes depósitos, especialmente os chamados mares de area ou ergs, parecen ser o resultado dunha importante actividade fluvial durante o Cuaternario.