Panteón Real da Catedral de Santiago
lugar que contén os sepulcros de dous reis e outras personalidades do Reino de Galiza / From Wikipedia, the free encyclopedia
O Panteón Real é o lugar, dentro da catedral de Santiago, que contén os sepulcros de dous reis e outras destacadas personalidades do Reino de Galiza.
Panteón Real da Catedral de Santiago de Compostela | |
---|---|
Localización | Capela das Reliquias |
Inauguración | 1211 |
Casa Real | Casa de Borgoña |
Raimundo de Borgoña (1070-1107) | |
Sarcófago | Desaparecido |
Fernando II (1137-1188) | |
Data do sarcófago: 1210 | |
Fernando Afonso (1192-1214) | |
Data do sarcófago: 1220 | |
Berenguela de Barcelona (1108-1149) | |
Data do sarcófago: 1230 | |
Afonso VIII (1171-1230) | |
Data do sarcófago: 1230 | |
Xoana de Castro (--- -1374) | |
Data do sarcófago: 1374 | |
Pedro Froilaz de Traba (--- -1126) | |
Data do sarcófago: 1926 | |
|
Iniciouse no ano 1107 co soterramento de Raimundo de Borgoña, conde de Galiza, e coa promesa do seu fillo o emperador Afonso VII de levar tamén os seus restos á Catedral. Este compromiso non foi cumprido por Afonso VII mais si pola súa esposa a emperatriz Berenguela, e continuado polo seu fillo Fernando II e polo seu neto Afonso VIII, reis de Galiza e León. No ano 1211, Afonso VIII oficializou definitivamente a capela rexia na cerimonia de consagración da Catedral que presidiu xunto ao seu herdeiro Fernando Afonso, sepultado tamén no panteón.
O espazo funerario foi instalado na "capella dos reis", hoxe capela de Santa Catarina, e permaneceu alí até o ano 1535, momento no que foi trasladado á Capela das Reliquias. Durante este traslado mudouse o acomodo de cinco sarcófagos que foron atribuídos naquel momento a Raimundo de Borgoña (†1107), Berenguela de Barcelona (†1149), Fernando II (†1188), Afonso VIII (†1230) e Xoana de Castro (†1374). A documentación histórica confirma a inhumación na catedral destes cinco persoeiros mais só no caso da raíña Xoana existen ademais testemuños epigráficos e heráldicos da mesma época que confirmen a súa identidade. No ano 1926 incorporouse ao panteón unha última sepultura contendo os restos do conde Pedro Froilaz de Traba (†1126).