Oxidorredución
From Wikipedia, the free encyclopedia
Chámase oxidorredución[1] ou reacción de oxidación-redución ou de redución-oxidación ou reacción redox a toda reacción química na cal os átomos cambien o seu estado de oxidación; en xeral, as reaccións redox implican a transferencia de electróns entre especies químicas.
A reacción pode ser ou ben un proceso redox simple, como a oxidación do carbono para dar dióxido de carbono (CO2) ou a redución do carbono polo hidróxeno para orixinar metano (CH4), ou ben un proceso complexo como a oxidación da glicosa (C6H12O6) no metabolismo humano por medio dunha serie de complexos procesos de transferencia de electróns.
O termo "oxidorredución" ou "redox" procede dos dous conceptos implicados na transferencia de electróns: redución e oxidación,[2] que se poden explicar de maneira simple así:
- Oxidación é a perda de electróns ou un incremento no estado de oxidación dunha molécula, átomo, ou ión.
- Redución é a ganancia de electróns ou unha diminucuión no estado de oxidación dunha molécula, átomo, ou ión.
Aínda que as reaccións de oxidación están xeralmente asociadas coa formación de óxidos ao reaccionar con moléculas de oxíxeno, estes son só exemplos específicos dun concepto máis xeral de reaccións que implican xeralmente a transferencia de electróns.
As reaccións redox teñen varias semellanzas coa reaccións ácido-base. Igual que as reaccións ácido-base, as reaccións redox prodúcense á vez, é dicir, non pode haber unha reacción de oxidación sen que simultaneamente se produza unha reacción de redución. A oxidación por separado e a redución por separado denomínanse cada unha semirreacción, porque as dúas semirreaccións ocorren sempre xuntas para constiruíren a reacción completa redox. Cando se escriben semirreaccións, xeralmente inclúense a ganancia ou perda de electróns explicitamente para que queden equilibradas con respecto á carga eléctrica.
Aínda que estas descricións adoitan ser suficientes para moitos propósitos, non son totalmente precisas. A oxidación e redución realmente refírense a un cambio no estado de oxidación, e pode non haber transferencia real de electróns. Así, a oxidación defínese mellor como un incremento no estado de oxidación, e a redución como unha diminución no estado de oxidación. Na práctica, a transferencia de electróns sempre causa un cambio no estado de oxidación, pero hai moitas reaccións que se clasifican como "redox" e nas que non hai transferencia de electróns (como as que implican a enlaces covalentes).
Os termos oxidante/redutor e oxidado/reducido ás veces orixinan confusión, polo que debe terse en conta o seguinte:
- Oxidante ou axente oxidante é (na definición xeral utilizada) o que capta electróns, polo que o seu estado de oxidación diminúe (polo que el se reduce). Pero ao quitarlle electróns a outra substancia, esa outra substancia oxídase (perde electróns).
- Redutor ou axente redutor é o que cede electróns, polo que o seu estado de oxidación aumenta (polo que el se oxida). Pero ao ceder electróns a outra substancia, esa outra substancia redúcese (gaña electróns).