O calcio en bioloxía
From Wikipedia, the free encyclopedia
O calcio en bioloxía exerce importantes funcións. En forma de ión calcio (Ca2+) contribúe á fisioloxía e bioquímica das células dos seres vivos. Xoga un importante papel nas vías de transdución de sinais,[1][2] onde actúa como segundo mensaxeiro, na liberación de neurotransmisores desde as neuronas, na contracción de todos os tipos de células musculares e na fecundación dos óvulos. Moitos encimas requiren ións calcio como cofactores, incluíndo varios factores de coagulación. O calcio extracelular é tamén importante para manter a diferenza de potencial a través de membranas celulares excitables, así como para a correcta formación do tecido óseo, onde o fosfato cálcico exerce un papel estrutural principal.
Os niveis de calcio no plasma sanguíneo en mamíferos están estreitamente regulados,[1][2] e os ósos actúan como o sitio de almacenamento mineral principal. Os ións calcio, Ca2+, son liberados dos ósos á corrente sanguínea baixo condicións controladas. O calcio é transportado polo torrente sanguíneo en forma de ións en disolución ou unido a proteínas como a albumina sérica. A hormona paratiroide segregada pola glándula paratiroide regula a reabsorción de Ca2+ procedente do óso, a reabsorción nos riles cara á circulación, e o incremento na activación da vitamina D3 a calcitriol. O calcitriol, a forma activa da vitamina D3, promove a absorción de calcio nos intestinos e ósos. A calcitonina segregada polas células parafoliculares da glándula tiroide tamén afecta os niveis de calcio ao opoñerse á hormona paratiroide; porén, a súa importancia fisiolóxica en humanos é dubidosa.
O calcio intracelular está almacenado en orgánulos que liberan repetidamente e despois reacumulan Ca2+ en resposta a eventos celulares específicos. Os sitios de almacenamento inclúen as mitocondrias e o retículo endoplasmático.[3]
As concentracións características de calcio en organismos modelo son: en E. coli 3mM (unido), 100nM (libre), en lévedos de xemación 2mM (unido), en células de mamíferos 10-100nM (libre) e no plasma sanguíneo 2mM.[4]