Mucosa gástrica
From Wikipedia, the free encyclopedia
A mucosa gástrica é a capa de membrana mucosa que reviste interiormente ao estómago, que contén células produtoras de moco protector e as glándulas produtoras de zume gástrico. Nos humanos ten aproximadamente 1 mm de grosor e a súa superficie é lisa, suave, e aveludada, de cor rosa agrisada cando está fresca, máis pálida na zona do cardia e píloro, e de tons máis brillantes na infancia, debido a unha maior vascularización. Este mucosa consta dun epitelio superficial, unha lámina propia, e unha capa muscular da mucosa (muscularis mucosae).
Mucosa gástrica | |
---|---|
Estómago | |
Sección da membrana mucosa do estómago humano, preto do orificio cardíaco, a 45 aumentos. c. Glándulas cardíacas. d. Ductos das glándulas cardíacas. cr. Glándulas con células mucosas. mm. membrana mucosa. m. Muscularis mucosae. m’. Tecido muscular dentro da membrana mucosa. | |
Latín | Tunica mucosa gastris |
Gray's | pág.1166 |
Dorlands/Elsevier | 12831946 |
A mucosa gástrica é máis delgada na zona do cardia, e máis grosa cara ao píloro. Durante o estado contraído do órgano a mucosa forma moitos pregamentos, sobre todo lonxitudinais, que están máis marcados na zona pilórica, e arredor da curvatura maior do estómago. Pero cando o estómago se distende porque está cheo, os pregamentos estíranse e desaparecen, polo que a mucosa parece lisa. Este pregamento e despregamento débese á contracción da muscularis mucosae e á natureza laxa da submucosa.[1]
Cando se examina a superficie da mucosa cunha lupa, esta presenta unha serie de elevacións e sucos, que forman áreas de 2 a 6 mm de diámetrto. Nestas áreas fórmanse invaxinacións con forma de pozo ou funil denominadas foveolas ou fosiñas gástricas, de 0,12 a 0,25 mm de diámetro. Hai uns 3,5 millóns destas fosiñas en todo o estómago. No fondo destas fosiñas desembocan unha tubos finos (xeralmente 3 ou 4 en cada unha), que se estenden en zonas máis profundas por todo o espesor da mucosa, que se denominan glándulas gástricas, fúndicas ou oxínticas (uns 15 millóns en total na mucosa), e que producen os zumes gástricos e moco.
Ademais das glándulas gástricas ou fúndicas, existen na mucosa outros dous tipos de glándulas tubulares que desembocan nas foveolas, que son: glándulas cardíacas, situadas na zona proximal do estómago, preto do cardia, e as glándulas pilóricas, situada ao final do estómago, na zona pilórica. As glándulas cardíacas e pilóricas producen moco.
Na mucosa atópanse varios tipos de células endócrinas. As glándulas pilóricas conteñen células produtoras de gastrina, chamadas células G; esta hormona estimula a produción de ácido por parte das células parietais ou oxínticas das glándulas gástricas. As células ECL, atópanse nas glándulas gástricas ou fúndicas e liberan histamina, que é tamén un estimulante da secreción de ácido. As células enterocromafíns (células EC) producen serotonina, que estimula a contracción dos músculos lisos.