Lista de monarcas de León
artigo de listas da Wikimedia / From Wikipedia, the free encyclopedia
Segundo a visión tradicional da historiografía española, cuxos conceptos básicos foron introducidos no século XIX por historiadores como Lafuente ou Simonet, o reino medieval de León tivo a súa orixe na transferencia da capital do reino de Asturias de Oviedo para a cidade de León en tempos do rei Afonso III. Segundo o relato dos historiadores decimonónicos, após a morte de Afonso o reino foi dividido entre os seus tres fillos: Froila II gobernou nas Asturias, Ordoño II en Galicia, e García I en León; polas súas mortes sucesivas, todos virían a reinar sobre o reino de León, a entidade hexemónica. Durante algúns períodos de tempo o reino de León foi dividido (Castela, Galicia e Portugal), para despois se volver a se unificar (excepto Portugal, que non mais volveu á súa órbita); extinguíndose definitivamente en 1230, cando foi absorbido por Castela.
Porén, este punto de vista, que xa fora posto en cuestión na súa orixe polos historiadores galegos[1], é hoxe discutido por unha parte da historiografía moderna que considera que as denominacións reino de Asturias e reino de León suplantan á de reino de Galicia, verdadeiro nome do reino, como amplamente demostran as fontes documentais[2][3][4][5][6]
A revisión da documentación acredita a inexistencia dun reino chamado de Asturias[7][8] e a errónea suplantación de Galicia por léon[9]. De feito, a primeira mención documental a un reino de tal nome non aparece até o século XI, na crónica de Sampiro, recollida na Historia Legionense. Nun texto no que fica patente que é Galicia o obxecto da narración, pois así é denominado constantemente o reino[10], até en vinte e oito ocasións.[11]