Inmunización
From Wikipedia, the free encyclopedia
A inmunización é o proceso polo cal o sistema inmunitario dun individuo se fortalece contra un axente infeccioso (coñecido como inmunóxeno).
- Véxase tamén: Vacinación.
Cando este sistema se expón a moléculas estrañas ao noso corpo, denominadas non propias, orquestra unha resposta inmune e desenvolve a capacidade de responder rapidamente a un posterior encontro con ditas moléculas debido á memoria inmunolóxica. Isto é unha función realizada pola sistema inmunitario adaptativo. Por tanto, ao expoñer un humano ou un animal a un inmunóxeno de maneira controlada, o seu corpo pode aprender a protexerse por si mesmo: esta é a chamada inmunización activa.
Os elementos máis importantes do sistema inmunitario que son optimizados pola inmunización son as células T e B e os anticorpos que producen as células B. As células B de memoria e as célula T de memoria son as responsables de dar unha rápida resposta ante un segundo encontro cunha molécula estraña. A inmunización pasiva é a introdución directa destes elementos no corpo, en vez de que o corpo os produza por si mesmo.
A inmunización ocorre de diversas maneiras, tanto naturais coma realizadas artificialmente polo ser humano como medida sanitaria. A inmunidade natural obtense cando o sistema inmunitario dos organismos consegue eliminar unha infección previa, sempre que o patóxeno sexa un cos que a inmunización é posible. A inmunidade natural pode ter graos de efectividade (parcial en vez de absoluta) e pode ir diminuíndo co tempo (en cuestión de meses, anos ou décadas, dependendo do patóxeno). Na sanidade, a principal técnica de indución artificial de inmunidade é a vacinación,[1] que é un dos modos principais de previr doenzas, xa sexa impedindo a infección (o patóxeno non pode reproducirse en número suficiente dentro do hóspede), ou previndo que a enfermidade chegue a ser grave (hai infección, pero é leve) ou ambas as cousas. A vacinación contra enfermidades previbles con vacinas supón un importante alivio da carga de morbilidade incluso se na maioría dos casos non pode erradicar a enfermidade. As vacinas contra microorganismos que causas doenzas poden preparar o sistema inmunitario do corpo, axudando así a loitar ou previr unha infección. O feito de que as mutacións poidan causar que as células cancerosas produzan proteínas ou outras moléculas especiais, constitúe a base teórica das vacinas contra o cancro terapéuticas. Tamén poden utilizarse outras moléculas para a inmunización, por exemplo en vacinas experimentais contra a nicotina (NicVAX) ou a hormona ghrelina en experimentos para crear unha vacina contra a obesidade.
As inmunizacións por vacinación adoitan considerarse como un modo de conseguir inmunidade para unha determinada doenza con menos risco e máis doado que padecer unha forma máis leve da propia doenza. Son importantes para adultos e nenos porque protexen de moitas doenzas. A inmunización non só protexe os nenos contra doenzas mortais senón que tamén axuda ao desenvolvemento do sistema inmunitario do neno.[2] Por medio do uso das inmunizacións, algunhas infeccións e doenzas foron case totalmente erradicadas do mundo. A polio desapareceu dos países con sistemas sanitarios potentes que aplicaron campañas de vacinación, pero aínda se dan casos en partes do mundo onde esta vacinación non se xeneralizou suficientemente, polo que o contaxio nesas zonas aínda é posible.
A inmunización/vacinación activa foi considerada por institucións como os CDC norteamericanos como un dos "dez grandes logros na sanidade pública do século XX".[3]