Gastroenterite rotavírica
From Wikipedia, the free encyclopedia
A gastroenterite rotavírica é a causa máis común da diarrea severa en neonatos e nenos pequenos,[1] e é provocada polo virus rotavirus. Á idade de cinco anos, a gran maioría dos nenos de todo o mundo padeceron gastroenterite rotavírica como mínimo unha vez.[2] Porén, cunha nova infección, o sistema inmunitario fortalécese e a infección é cada vez máis feble; en adultos é moi pouco común.[3]
Gastroenteritis rotavírica | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
Rotavirus A nas feces dun neno infectado. | |
ICD-10 | A08.0 |
ICD-9 | 008.61 |
DiseasesDB | 11667 |
MedlinePlus | 000252 |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
O virus transmítese por ruta fecal-oral. Infecta e dana as células que recobren o intestino delgado e causa gastroenterite. Malia que o rotavirus foi descuberto en 1973[4] e causa arredor do 50% das hospitalizacións por diarrea grave infantil,[5] aínda non se coñece amplamente.[6] Ademais de ser un patóxeno humano, tamén afecta outros animais: é un patóxeno para o gando.[7]
A gastroenterite rotavírica é unha doenza doada de curar, pero en todo o mundo preto de 500 000 nenos menores de cinco anos aínda morren por mor da súa infección cada ano[8] e case dous millóns máis resultan gravemente afectados.[6] Nos Estados Unidos, antes do comezo do programa de vacinación contra a gastroenterite rotavírica, dábanse preto de 2,7 millóns de casos severos de gastroenterite, con 60 000 hospitalizacións e uns 37 mortos cada ano.[9] Téñense feito diferentes campañas públicas para combater a gastroenterite rotavírica coa prestación de terapias de rehidratación oral dos nenos infectados e a vacinación para previr a doenza.[10]