Evolución experimental
From Wikipedia, the free encyclopedia
A evolución experimental ou evolución biolóxica experimental é a comprobación de hipóteses e teorías da evolución biolóxica por medio de experimentos controlados. Coas ferramentas moleculares modernas, é posible identificar as mutacións sobre as que actúa a selección natural, saber o que provocou as adaptacións, e coñecer exactamente como funcionan estas mutacións. Debido ao gran número de xeracións necesarias para que se produza a adaptación e poida observarse, os experimentos de evolución biolóxica adoitan levarse a cabo con microorganismos tales como bacterias, lévedos ou virus.[1][2] Porén, tamén se realizaron estudos con animais tales como raposos[3] e roedores, que demostraron que poden igualmente ocorrer adaptacións notables dentro de só de 10 a 20 xeracións; en experimentos cos peixes silvestres Poecilia reticulata oberváronse tamén adaptacións nun número de xeracións comparable.[4] En conxunto, a evolución experimental foi realizada en organismos multicelulares[5] e unicelulares[6] eucariotas, procariotas,[7] e virus.[8] Realizáronse tamén traballos similares de evolución dirixida de determinados encimas,[9][10] ribozimas[11] e xenes replicadores[12][13]