Estación das chuvias
época do ano en que se produce a maior parte da precipitación dunha rexión / From Wikipedia, the free encyclopedia
A estación das chuvias, tamén coñecida como tempada de chuvias ou estación dos monzóns, é a época do ano en que se produce a maior parte da precipitación media anual dunha rexión. Polo xeral ten unha duración dun ou de varios meses.[1] O termo "estación verde" emprégase ás veces como un eufemismo polos empresarios do turismo.[2] As áreas con estacións chuviosas atópanse dispersas ao longo dos trópicos e subtrópicos principalmente no sueste e no oeste do hemisferio norte.[3]
Segundo a clasificación climática de Köppen, para climas tropicais, un mes de estación chuviosa defínese como un mes onde a precipitación media é de 60 mm ou máis.[4] A diferenza das zonas con climas de sabanas e monzóns, o clima mediterráneo ten invernos húmidos e veráns secos. En cambio, as selvas tropicais non teñen estacións secas ou húmidas, xa que a precipitación se distribúe por igual durante todo o ano.[5] Algunhas zonas con estacións de chuvias pronunciadas sofren unha rotura na precipitación á metade da tempada cando, a mediados da estación cálida, a zona de converxencia intertropical ou vaguada monzónica móvese cara ao polo máis próximo.[6]
O tempo tropical está dominado polo movemento do cinto de chuvias tropicais, que oscila do trópico do norte ao do sur no transcurso do ano. O cinto de chuvias tropicais atópase no hemisferio sur, entre outubro e marzo. E, durante este período, o trópico do sur experimenta unha estación chuviosa, onde a chuvia é o común. Tipicamente, a xornada iníciase calorosa e asollada, cunha subida da humidade durante o día e culminando en copiosas tormentas e chuvias torrenciais ao atardecer ou ao anoitecer. De abril a setembro, o cinto de chuvias pasa ao hemisferio norte, e entón este trópico do norte experimenta a súa estación chuviosa.
O cinto de chuvias alcanza tan ao norte como o trópico de Cáncer e tan ao sur como o trópico de Capricornio. Preto destas latitudes hai unha estación chuviosa e outra seca, anualmente. No ecuador, hai dúas estacións chuviosas e dúas secas, xa que o cinto de chuvias pasa alí dúas veces ao ano, unha ao moverse ao norte e outra ao ir ao sur. Entre os trópicos e o ecuador, as localidades poden experimentar unha curta estación chuviosa e outra longa estación chuviosa. A xeografía local pode tamén modificar substancialmente estes patróns climáticos.
Se a tempada de chuvias se produce durante a estación cálida, o verán, a precipitación cae principalmente durante a tarde e as primeiras horas da noite. A tempada de chuvias adoita ser o momento en que se pode observar unha mellora da calidade do aire e auga doce, así como un crecemento notable da vexetación, culminando en colleitas dos cultivos a finais desta tempada. A precipitación pode causar inundacións, e algúns animais vense obrigados a retirarse a terreos máis altos. Aumenta a erosión e diminúen os nutrientes do chan. A incidencia de malaria aumenta nas zonas en que a tempada de chuvias coincide con temperaturas elevadas. Os animais teñen estratexias de adaptación e de supervivencia para o réxime máis húmido. Con frecuencia, a estación seca anterior conduce á escaseza de alimentos durante a tempada de chuvias, xa que os novos cultivos aínda teñen que madurar.